O Galician Freaky Film Festival quenta motores para a súa vindeira edición, que terá lugar do 29 de setembro ao 2 de outubro. Pero antes ten preparada unha sorpresa para os pequenos da casa: a celebración do Pequefreak, un evento destinado a iniciar ás próximas xeracións no cinema ‘freak’ e a paixón polo sétimo arte.
As proxeccións serán o eixo central da programación, con dous bloques de curtametraxes internacionais divididos por idades. As da mañá están pensadas para desfrutar con máis de 7 anos, mentres que ás da tarde son aptas para todas as idades. En total exhibiranse 19 curtametraxes entre as que os ‘minifreaks’ deberán elixir a súa favorita. O broche final a esta xornada de cinema infantil será a proxección de ‘Os Goonies’, o clásico de 1985 dirixido por Richard Donner e baseado nunha historia de Steven Spielberg.
Ademais das proxeccións, o irmán máis novo do Galician Freaky Film festival contará con varias actividades participativas, pensada para facer agromar nos nenos e nenas o interese polo cine e estimular a súa imaxinación. Unha destas actividades será un obradoiro de Stop-Motion, a cargo de Fernando Cortizo, a figura máis relevante desta técnica en España e pioneiro en Europa. Cortizo é coñecido por dirixir en 2009 O Apóstolo, a primeira película europea en Stop-Motion estereoscopio. Con ela obtivo en 2012 o nomeamento ao Goya á Mellor Película de Animación, ademais de numerosos premios internacionais, seis premios Mestre Mateo e a Preselección para os Óscar 2014.
Esta arte cinematográfica consiste en crear a sensación de movemento a través da sucesión de fotografías. Para isto, os participantes moldearán os seus propios personaxes e crearán unha escena fotograma a fotograma, dando vida a unha pequena película de animación coas súas propias mans. Ao tratarse dunha técnica artesanal e multidisciplinar, permítelles explorar diversos campos como son o modelado, a pintura e a fotografía, o que a converte nunha estupenda ferramenta para a expresión e o exercicio da imaxinación.
A segunda actividade paralela será de realidade virtual estará guiado pola empresa de actividades de lecer Inmersia, dedicada a introducir aos máis pequenos no mundo da robótica e a electrónica de xeito divertido. Durante a actividade, poderase gozar de varios xogos e experiencias con gafas e mandos de realidade virtual, segundo os gustos de cada un.
Os horarios de cada actividade do Pequefreak xa están dispoñibles na web do GFFF. As entradas estarán á venda proximamente na mesma ligazón.