Ao longo dos matinais do Festival, preto de 250 estudantes dos colexios do Porriño pasarán pola sección “Cans do futuro”, que ten como obxectivo achegar aos máis novos ao cinema e coñecer máis de cerca o Festival e a aldea de Cans.
Esta actividade vai destinada a estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria.
No día da visita, os/as participantes se dividen en dous grupos para que a actividade sexa máis participativa. Mentres un grupo fai unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos do Festival, o outro visionará unha serie de pezas audiovisuais no Baixo de Bugarín, onde participarán nun pequeno coloquio didáctico baixo o título “Oficios Invisibles” con algunha das cineastas invitadas.
Ademais, no tempo de descanso, a cativada pode facer a xa clásica foto de recordo das visitas a Cans enriba do chimpín que se aparca xunto ao Can de Pedra.
Este mércores os alumnos e alumnas do CEIP Antonio Palacios, CEIP Budiño e CEIP Atios, estiveron falando con Analía G. Alonso, productora, e con Olalla Sánchez, script de series de ficción.
Mañá xoves, o turno é para os estudantes do CPR Hermanos Quiroga e CEIP da Ribeira.
E o venres será para o CEIP Xosé Fernández López e CPR Santo Tomás, que debaterán con Noemi Chantada, directora de casting, directora de fotografía e cámara, guionista, productora e directora.
“Paréceme importantísimo achegar o audiovisual aos máis pequenos/as para deixar a semente que logo se recolle”, declara Olalla Sánchez despois dun dos encontros coa rapazada porriñesa.
Pola súa banda, a concelleira de Educación, Carolina González, explicou que “desde o Concello estamos encantados de colaborar co Festival involucrando aos centros educativos e seguiremos traballando nesta liña, de maneira transversal, para achegar aos rapaces e rapazas ao mundo do audiovisual”.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, compartiu con eles unha das proxeccións e coloquio, valorando “moi positivamente estas iniciativas, que fan chegar á cativada o invisible do mundo do cinema, todo iso que está detrás das pantallas” e destacou “o interese que mostran os nenos e nenas por todo o que están a descubrir. É máis que probable que de aquí salgan futuros cineastas!”.