O ciclo de cine submarino homenaxeará este ano ao mergullador vigués Alexis Macía, que perdeu a vida o pasado mes de abril cando facía inmersións profundas, unha práctica na que era un especialista. A homenaxe terá lugar o xoves, 24 de novembro, coa proxección de Solopecios: memoria mergullada. Este audiovisual, de 28 minutos, conta como un grupo de mergulladores, entre os que se atopa Alexis Macía, busca pecios afundidos a grande profundidade ao longo da costa galega e vasca.
Ese mesmo dia, o xoves 24, proxectaranse dous dos últimos traballos de Rafa Herrero Massieu, realizador habitual das principais televisións do mundo como Canal Plus France, National Geografic Wild, Canal Xplora Canada ou BBC. Trátase de La Palma, illa azul e Espello líquido. Na primeira, Herrero retrata o patrimonio natural practicamente descoñecido da illa de La Palma, descubrindo o tornasol da súa fauna e flora. O segundo, de 50 minutos, dá unha visión diferente do mar a través de pequenas historias duns seres únicos onde a vida e a morte se mesturan cada día. Nesta xornada será precisamente Rafa Herrero o que participará no coloquio posterior ás proxeccións.
O ciclo de cine submarino arrancará o vindeiro mércores, 23 de novembro, coa proxección da produción galega asinada por Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera: O choco: baixo as ondas da enseada de San Simón. Documental que pretende poñer en valor a riqueza natural das rías galegas e a importancia da súa protección. O audiovisual achégase ás nosas especies e retrata a súa reprodución e a súa supervivencia. Ese mesmo día proxectarase tamén Tiburóns: capítulo 1, un documental da BBC/Discovery Channel, que amosa a diversidade de tiburóns xa que foi filmada en mares de todo o mundo. Aparecen exemplares nunca filmados como é o caso dos da familia dos orectolóbidos que habitan no Pacífico occidental, ou o tiburón de Groenlandia, ata as especies máis coñecidas como o tiburón branco ou o tiburón martelo. Esta primeira xornada contará coa presenza como invitados de Manuel E. Garci e Jorge H. Urcera, directores da cinta dos chocos.
Os protagonistas da última xornada serán os traballos máis internacionais con proxeccións asinadas por algúns dos mellores fotógrafos submarinos do mundo como é o caso de Roberto Rinaldi e Bertrand Loyer. Rinaldi formou parte do equipo de Cousteau como un dos mergulladores do Calypso. O reino dos nautilus será o traballo asinado por el que se proxectará na Semana de Cine Submarino. A peza, de 30 minutos, tamén emplea a técnica de mergullo profundo para conseguir captar en Nova Caledonia, imaxes dos profundos habitantes dos arrecifes de coral. A técnica de mergullo empregada para esta filmación é a que trouxo por primera vez a Vigo precisamente Alexis Macía no 2007, os chamados rebreathers (recicladores), que permiten inmersións de 150-200 metros de profundidade. Este traballo obtivo o Premio Alain Esteve á mellor realización técnica para un documental de aventura e descubrimento.
Tamén dunha notable calidade é o segundo traballo que pecha este ciclo. Trátrase de A serpe mariña xigante, asinado por Bertrand Loyer e feito para National Geographic Channels/Canal Arte France. Céntrase nun estudio detallado dos máis grandes peixes óseos do mundo. O peixe remo xigante, máis coñecido como o rei dos arenques, pode alcanzar os 6 metros de lonxitude. A criatura detrás do mito da serpe do mar. Esta xornada contará coa presenza, como invitado ao coloquio, do biológo do IIM-CSIC, Rafael Bañón.
A XXVI Semana de Cine Submarino terá lugar do mércores 23, ao venres, 25 de novembro, no Teatro Afundación de Vigo. A entrada será de balde ata completar aforamento e as sesións comezarán ás 20.00 horas.
Como é habitual na Semana, e tendo en conta o seu carácter divulgativo, haberá tamén pases especiais para escolares de centros de ensino da provincia, coordinados pola Obra Social Abanca Afundación. O horario das proxeccións será ás 10.00 e 12.00 horas, co fin de que os nenos e nenas coñezan desde pequenos a riqueza, a complexidade e a realidade dos mares e aprendan a respectalos.
Un ano máis, Extensión Universitaria pretende subliñar a mensaxe medioambiental e sostíbel deste ciclo de cine: sensibilizar sobre a necesidade de respectar as especies mariñas dos mares próximos e afastados e garantir a súa conservación. Para a Universidade de Vigo simboliza, ademais, un evento para conectar co gran público. Toda a información da Semana está disponíbel na súa web.