O festival internacional de cinema Play-Doc, que celebrará a súa 19ª edición en Tui do 26 de abril ao 1 de maio, presenta unha nova entrega de ‘Cinema Percorridos IV: Inmersión sonora’, unha proposta que leva o cinema máis aló da pantalla tradicional. A través dun percorrido nocturno guiado pola cidade monumental de Tui, os espectadores descubrirán como unha serie de instalacións e espectáculos audiovisuais transforman espazos históricos normalmente pechados ao público.
Nesta ocasión, ‘Cinema Percorridos’ non só será unha experiencia artística, representativa e visual senón tamén un acontecemento auditivo. Os encargados de crear estas instalacións, baixo o comisariado de Xisela Franco, serán a visualista Marta Verde que presentará unha perfomance en colaboración co compositor e artista sonoro José Venditti. Igualmente, participarán os colectivos M8 e Colapso, vinculados á escena galega máis vangardista do cinema expandido e a arte sonora.
A representación internacional será a cargo da artista visual, fotógrafa e poeta uruguaia Josefina Cuneo, cuxas proxeccións de vídeo en directo estarán acompañadas por unha instalación sonora de aparellos, esculturas e autómatas cinético-sonoros construídos polo etnomusicólogo e compositor venezolano Carlos Suárez.
‘Cinema Percorridos’ é un evento único e orixinal producido en exclusiva por Play-Doc que expón unha exploración polos novos camiños polos que discorre a creación audiovisual contemporánea.
Obradoiro con Albert Serra e Montse Triola
Baixo o título de ‘O cinema do futuro. O potencial da tecnoloxía dixital para crear imaxes inéditas’, o prestixioso e multipremiado cineasta Albert Serra xunto á súa produtora Montse Triola permitirannos coñecer de preto a traxectoria e metodoloxía de Andergraun Films. Este obradoiro, realizado en colaboración con La Plantación terá lugar do 28 ao 30 de abril durante a celebración da 19ª edición do festival. As inscricións están abertas ata o 14 de abril.
Realidade Virtual interactiva con Joséphine Derobe
A artista e cineasta francesa Joséphine Derobe, experta en narrativas e formas inmersivas en cinema, arte dixital e teatro, ofrecerá unha clase maxistral sobre as súas investigacións no campo da realidade virtual interactiva e as imaxes tridimensionais. Nesta edición de Play-Doc coñeceremos os seus últimos proxectos desenvolvidos en paralelo á súa actividade como estereógrafa no cinema, onde destacan os seus traballos para Wim Wenders Everything will be fine, Cathedrals of Culture, Pina e outros como Minuscule, Astérix&Obélix au Service de sa Majesté. Ademais, durante o festival, haberá unha instalación aberta na que o público poderá vivir unha experiencia interactiva con algún dos seus traballos.
Seminario de crítica e programación de cinema restaurado
Os días 29 e 30 de abril de 2023 terá lugar o Seminario de crítica e programación de cinema restaurado, realizado en colaboración coa revista dixital A Cuarta Parede, e está dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñecer en profundidade o traballo de restauración que levan a cabo este tipo de institucións, así como na elaboración de programas, críticas e textos curatoriais sobre cinema de patrimonio. Participarán prestixiosos expertos, como o indio Shivendra Singh Dungarpur, fundador da Film Heritage Foundation de Bombai, ou a historiadora de arte e archivista alemá Vivien Buchhorn.
Encontro sonoro con Carlos Suárez
Asi mesmo, o festival propón un encontro sonoro onde o etnomusicólogo venezolano Carlos Suárez desvelará ao público os segredos dos aparellos que constrúe, autómatas cinético-sonoros fabricados con motores ou dispositivos electrónicos autosuficientes. Falará da súa visión do son, a importancia da escoita e o papel que cumpre a fonografía e a gravación de campo, así como dos obxectos sonoros que crea, o que chama “organoloxía experimental”.
Obradoiro de cinema comunitario. Filmar ao próximo
Play-Doc volverá poñer en marcha un obradoiro de cinema, orientado a todas aquelas persoas de Tui e da comarca co obxectivo de compartir unha experiencia social e comunitaria mediante o retrato audiovisual da súa veciñanza. Os participantes realizarán unha pequena peza audiovisual cuxo resultado se poderá ver no festival. O obradoiro será impartido polo recoñecido cineasta galego, Eloy Domínguez Serén.