Esta curtametraxe é a culminación dunha serie de actividades formativas que levou a cabo Proxecto Socheo no IES A Sangriña da Guarda durante o curso 2014-2015. Este programa de formación audiovisual denominouse Socheo Educativo e foi premiado polo Ministerio de Cultura de España polo seu decidido labor de alfabetización audiovisual.
Xurxo Chirro comenta que “está moi contento polo recoñecemento mais o interesante foi a propia realización da curtametraxe xa que contei coa axuda duns rapaces cun inusitado interese e un desbordante entusiasmo por implicarse no proxecto. Parabéns para todos eles!”.
Mentres, Beli Martínez, produtora de Proxecto Socheo di con pragmatismo que bota de menos «unha maior implicación e apoio das institucións por que se comproba que co noso método de ensinanza se pode alcanzar con facilidade froitos, que non son outros que xerar unha gran ilusión nos rapaces para comprender e expresarse dunha maneira axeitada e creativa coas ferramentas audiovisuais».
Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda e no Baixo Miño, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.
O Proxecto Socheo segue adiante grazas á axuda de veciños e amigos que, desinteresadamente, ceden as súas gravacións. A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube que bordea as 100.000 visitas. Pódense visualizar preto de 400 gravacións desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.