O certame felicitouse por contar cun “público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e con idades comprendidas entre os 0 e os 80 anos”. Entre toda a programación, destacou o éxito acadado durante a xornada do xoves, reforzada este ano para conseguir atraer xente dende os primeiros días do Festival ata o centro do Porriño.
O bo tempo e as numerosas actividades programadas encheron as terrazas de todos os locais de hostelería cercanos á Praza do Concello. A Noite Gía dos Videoclips erixiuse como a que máis asistentes tivo na historia do Festival e tanto os cociñeiros Mahou Cinco Estrellas do Restaurante Maruja Limón coma os novísimos DJs Electris Feels atraeron a público xa dende a metade da tarde ata a celebración do concerto da banda Escuchando Elefantes, coa que rematou o día.
O espazo na Leira de Alicia volveu ser un dos maiores puntos de encontro, con xente de xeito estable dende primeira hora ata a noite. Ademais, causaron gran expectación os concertos de León Benavente -que esgotou entradas antes da súa celebración- ou Eladio y los Seres Queridos, que completou tamén aforo e sorprendeu aos asistentes á actuación cantando o tema «Havemos de ir a Viana» acompañado por Uxía.
Nesta ubicación tamén se desenvolveu o habitual Coloquio na Leira, protagonizado nesta ocasión polo cineasta vasco Montxo Armendáriz, que conseguiu congregar a uns 500 asistentes. Na liña dos coloquios e encontros, sumáselle o I Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips, o café con CREA -que contou coa presenza do director Guillermo García, gañador dun Goya polo documental Frágil equilibrio- ou os estreados nesta edición coloquios con AISGE, que levaron por nome «Taller da memoria», «Actores e actrices: non é ouro todo o que reloce» e «Ser muller e actriz».
Ademais, o encontro do público de Guillermo García trala proxección do seu filme foi un dos máis comentados polo público e a conversa mantida por Daniel Guzmán e Suso de Toro cos asistentes tras ver “Mar de fondo” será recordada como a protagonista dun dos momentos máis emotivos e do Festival, véndose parada ás veces sen que os protagonistas puidesen continuar ante a evidente emoción.