Se a imaxe das mulleres no cine ten sido máis que cuestionada pola falta de paridade, polos estereotipos que se transmiten nas películas ou pola falta de recoñecemento ás mulleres creadoras, aínda máis marcada é a situación de invisibilidade das mulleres científicas e tecnólogas nas producións cinematográficas. Para poñer en valor os traballos audiovisuais que si apostaron por visibilizar as achegas de mulleres STEAM á evolución e desenvolvemento da sociedade, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organiza un cine-fórum no que se proxectarán tres películas e un documental. Estas pezas relatan a vida e o traballo de catro mulleres que, fronte a estereotipos e discriminacións, desenvolveron a súa carreira profesional en eidos claramente masculinizados.
Como explica a profesora Generosa Fernández-Manín, enlace de igualdade da EEME, “o ‘Cine-fórum (in)visibilidade das mulleres STEAM’ busca contribuír á difusión de valores igualitarios, do respecto e recoñecemento da achega das mulleres á ciencia e á tecnoloxía, así como da importancia de darlles visibilidade tanto na educación, como na contorna profesional e na sociedade en xeral”. Con esta idea, destaca, seleccionáronse catro cintas que relatan “historias de mulleres reais”: ‘En tierra de hombres’, ‘Joy’, ‘Sesgo Codificado’ e ‘Descifrando Enigma’.
Esta actividade conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade e tamén do Consorcio da Zona Franca de Vigo. De feito, será no salón de actos da sede desta última institución, na rúa Areal 46, onde se proxectarán as películas, que serán presentadas polo experto docente en cine, escritura de guións cinematográficos e linguaxe audiovisual Alfonso Castaño Hernández, que se encargará tamén de moderar o debate posterior. As sesións, que terán lugar os días 21 de abril e 5, 12 e 19 de maio, está abertas a toda a comunidade universitaria e tamén á cidadanía en xeral. No caso de limitación de capacidade terá preferencia o estudantado matriculado en titulacións do ámbito da enxeñaría.
A primeira cita, este xoves
O ciclo arranca este xoves 21 de abril a partir das 18.30 horas coa proxección da película ‘En tierra de hombres’, que relata a vida da estadounidense Lois Jenson, unha das primeiras mulleres en traballar nunha mina e que, co apoio de compañeiras e compañeiros, promoveu a primeira demanda colectiva por acoso sexual. Dirixida pola cineasta Niki Caro, a cinta de 2005 está protagonizada por Charlize Theron, Frances McDormand, Sissy Spacek, Woody Harrelson, Sean Bean, Richard Jenkins, Jeremy Renner, Michelle Monaghan e Amber Heard.
A segunda sesión do ciclo será o 5 de maio, coa proxección de ‘Joy’, película baseada na vida de Joy Mangano, unha traballadora de Long Island que acabou converténdose en empresaria de éxito e popular inventora de artigos para o fogar con máis de 100 patentes e a súa propia compañía: Ingenious Designs, LLC. Entre outros produtos, deseñou e comercializou o Miracle Mop, un tipo de fregona de flocos de algodón ou as Huggable Hangers, perchas forradas dun tecido antiesvarante. A película, dirixida en 2015 por David O. Russell, conta con Jennifer Lawrence, Robert De Niro, Bradley Cooper, Isabella Rossellini, Diane Ladd, Edgar Ramirez e Virginia Madsen entre os protagonistas.
A terceira proxección do ciclo será o 12 de maio co documental ‘Sesgo Codificado’, dirixido por Coded Bias e Shalini Kantayya en 2020, que trata o nesgo nos algoritmos a partir da experiencia de Joy Buolamwini, unha investigadora do MIT que demostrou que o recoñecemento facial que usaba o MIT Media Lab non funciona correctamente coas peles máis escuras. Permite poñer de manifesto como a tecnoloxía e a ciencia desenvolveuse tradicionalmente seguindo un modelo cuxo patrón é un home branco.
O ciclo pecharase o 19 de maio coa proxección de ‘Descifrando Enigma’, unha película de Morten Tyldum con Benedict Cumberbatch, Keira Knightley, Mark Strong e Charles Dance, que se centra na traxectoria de Alan Turing e o traballo levado a cabo para descifrar a máquina Enigma, pero permite coñecer a criptoanalista Joan Clarque que colaborou nese traballo e nunca foi recoñecida.