A serie ‘Auga seca’, rodada en Vigo e Portugal, pode verse desde este mércores 1 de abril na prestixiosa plataforma HBO, que adquiriu os dereitos de emisión do novo thriller da produtora da exitosa ‘Hierro’. Rodada orixinalmente en galego e en portugués, ‘Auga seca’ convértese así na primeira serie en lingua galega que se incorpora ao catálogo da plataforma, que tamén ofrecerá versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés.
Con esta aposta de HBO a serie, desenvolvida pola produtora galega Portocabo e coproducida xunto á portuguesa SP-i, avanza na súa difusión internacional a través da distribuidora británica DCD Rights.
‘Auga seca’, composta por seis capítulos de 50 minutos, é un thriller que xira arredor do tráfico de armas e as súas conexións co mundo empresarial. Nel, a actriz portuguesa Victoria Guerra traballa a carón dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais son algúns dos nomes que completan o elenco internacional da serie.
Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión corre a cargo de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte de Andrea Pozo e a música de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.