Reafirmándose na súa aposta pola cultura o goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión dez subvencións a entidades sen fins de lucro para apoiar o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas na provincia. As axudas irán destinadas a festivais que se desenvolven nos concellos de Cangas, Ponteareas, Redondela, Tomiño, Vigo e Vilaboa así como na Eurocidade Tui-Valença.
O total de orzamento destas subvencións, cuxa concesión se realizou por concorrencia competitiva, ascende a 105.000 euros, oscilando as partidas destinadas a cada un dos festivais entre os 4.000 e os 11.000 euros. Tal e como destacou a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, “son axudas que pretenden promover e fomentar a cultura galega nas súas múltiples e variadas expresións artísticas, co fin de impulsar os sectores das artes escénicas e das artes musicais”.
Máis polo miúdo, estas achegas destinaranse as seguintes actividades culturais: Canjazz 2020 – XXIII Festival Internacional de Jazz de Cangas, XXI Festa Folc de Vilariño, XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival Rock in Río Tea 2020, IKFEM 2020, XIV Festival Alternativo Millo Verde, XXI Festival Internacional de Títeres de Redondela, V Vilablues Festival Internacional de Blues de Tomiño, XXVI Revoltallo de (Cultura e) Música Emerxente e Festival Canteira Fest 2020.