A Deputación de Pontevedra ten como obxectivo que a xente nova se implique na memoria histórica e continúa a apostar por novas iniciativas, novos formatos e novos escenarios. Desta volta, vén de poñer en marcha unha nova proposta: habilitar un ‘espazo memoria’ no festival Canteira Fest, que se celebrará en Vilaboa a mediados de setembro para realizar actividades divulgativas relacionadas coa memoria a través de concertos, contadas de contos, performances e publicacións.
O lema da iniciativa será ‘A memoria ten canteira’, segundo explicou a deputada de Memoria Histórica María Ortega, por un motivo duplo: a súa relación co nome do festival e a súa ubicación, a Canteira de Paredes, “pero tamén pola confianza na xente moza, a nosa canteira, para seguir mantendo viva a memoria das persoas que sufriron tanto durante a represión franquista”.
A nacionalista insistiu en que para ela, dende que asumiu o cargo de deputada responsábel do departamento, achegar a memoria histórica á xente máis nova “é unha teima”. Lembrou que ese foi o obxectivo, por exemplo, das xornadas ‘A desmemoria nas aulas’ celebradas en abril para dar ao profesorado ferramentas coas que poder abordar na clase esta materia, practicamente ausente do currículo escolar.
“É certo que cada vez acoden ás nosas xornadas máis mozos e mozas, incluído alumnado dos institutos onde levamos a cabo algunhas das actividades. Pero aínda é pequena a porcentaxe e por iso consideramos necesario sacar a memoria do ámbito académico e presentala dun xeito máis atractivo: con outros formatos e tamén noutros espazos distintos das aulas: Como a montaña con Mahoma, intentaremos achegarnos nós aos lugares que frecuenta á mocidade, como o Canteira Fest”, subliñou.
Pola súa banda, dende a organización do festival, Carlos Acuña, subliñou que é un orgullo que a Deputación se fixase no Canteira para levar adiante a súa iniciativa. Subliñou que a temática deste ano do festival pretendía ser as mulleres invisibilizadas, algo que se cumpre co programa de memoria “porque a memoria histórica ten moito de muller e de muller invisibilizada, porque foron invisibles por riba do que acontecía cos homes. Elas na época franquista sufriron tripla invisibilización”, dixo.
Acuña explicou que o ‘Espazo Memoria’ do Canteira Fest vai ter unha grande superficie no festival, xusto na entrada, para recibir a todo o público. “O programa de memoria ten que ter unha presenza especial dentro do noso festival e será transversal e se verá reflexado en todo o que se faga”, insistiu.
Durante o 16 e o 17 de setembro, ademais das e dos progratonistas do ‘espazo memoria’ pasarán polo festival artistas de todo o país e tamén algún do País Vasco: Tanxugueiras, HihgPaw, Huntza, Punkiereteiras, Jinetes del Trópico, Flow do toxo, Grande Amore, Bravatukas, ou SleeplySpiece, entre outros grupos. Completarase a programación con postos de artesanía, zona gastronómica e coloquios. “Que a xente se prepare para o que alí van vivir”, subliñou Carlos Acuña, animando a mercar as entradas e achegarse á Canteira de Paredes.
Programa do ‘espazo memoria’
Na tarde do venres 16 de setembro o departamento de Memoria da Deputación estreará no Canteira Fest unha nova contada de Polo Correo do Vento, desta volta centrada nas Misións Pedagóxicas que durante a República levaron libros, teatro e cultura polas distintas aldeas de Galicia. A continuación terá lugar unha nova edición do taller de Xurxo Souto sobre a música represaliada polo franquismo.
Xa o sábado 17 de setembro iniciarase a programación cunha sesión vermú, a cargo de Nasla, ás 13.00 horas. Pola tarde haberá un taller de regueifa sobre memoria histórica a cargo do Rabelo ás 16.30 e ás 18.30 haberá unha nova contada das misións pedagóxicas a cargo de Polo Correo do Vento no espazo de crianzas, onde haberá tamén algunha que outra sorpresa.
Tamén haberá sorpresas na performance que porán en marcha ‘Os Quinquilláns’ coa colaboración da Escola de Música de Vilaboa e intérpretes da aula de teatro de Pontevedra que terá lugar no escenario principal xusto despois da actuación das Tanxugueiras. “Só podemos adiantar que estamos seguras de que será emotiva e impactante”, destacou María Ortega.
Ademais, durante todo o festival ‘Cestola na Cachola’ pintará un mural sobre a temática nunha das paredes do edificio da canteira, que se unirá aos realizados os anos anteriores, e permanecerá en futuras edicións. Tamén haberá lonas explicativas sobre mulleres simbólicas para a memoria histórica da provincia repartidas por todo o espazo do festival e editarase unha publicación especial que se entregará ás persoas asistentes