A Deputación de Pontevedra leva este venres 22 de novembro a Ponteareas unha representación teatral coa que o público poderá reflexionar sobre “As formas do amor” da man da compañía Verdeveras Expresións Artísticas.
Con esta actividade, que terá lugar ás 20:30 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo, a institución provincial pon en marcha a programación do Ateneo pola Igualdade nos concellos da provincia.
A función, dirixida por Gena Baamonde e con texto de María Ángeles Iglesias –que tamén é unha das actrices en escena xunto a Sergio Zearreta-, presenta un deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois na vida porque poñen todo patas para arriba.
Logo dun tempo separados, talvez sexa o momento para volver atoparse por primeira vez. Trátase dunha historia para saír do teatro con moi boa sensación no corpo, con gusto, alegría e esperanza á par que se reflexiona sobre iso que chamamos “amor”.
Ateneo pola Igualdade é unha iniciativa que busca situar a Deputación como un referente na promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, un recurso público especializado á disposición de toda a cidadanía da provincia, baseado na investigación e na divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero.
Trátase dun programa itinerante, cunha programación ampla e variada dividida en catro áreas: investigación (elaboración de estudos), formación (encontros, xornadas, foros, congresos e seminarios), sensibilización (campañas en asuntos como coeducación ou corresponsabilidade, ademais de ciclos culturais) e difusión (unha videoteca, presentacións, edición de libros e encontros con escritoras).
Entre as accións do programa, ademais de “As formas do amor” (que tamén chegará a Redondela o domingo 1 de decembro), están o espectáculo “A Familia Bolechas en igualdade” para alumnado de Primaria, obradoiros de sensibilización, un completo programa formativo para alumnado desde a ESO ata a FP, a posta á disposición dos concellos e centros de ensino dos materiais das campañas de sensibilización da Deputación, ademais de accións específicas coas internas do módulo de mulleres do Centro Penitenciario da Lama. Pódese consultar toda a información no sitio web da Deputación.