A Deputación de Pontevedra colgou o cartel de completo na función na rúa Chao coa que este sábado celebrou en Vigo o Día Mundial do Teatro, que correu a cargo da compañía Inventi Teatro. Con esta representación e baixo o lema “A Depo Inspira Teatro”, a institución sumouse á conmemoración desta xornada co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público.
A fachada da sede viguesa da institución, no Casco Vello, engalanouse cun gran telón veneciano en cor vermella que enmarcaou a representación, que se desenvolveu co estrito protocolo anti Covid da Deputación nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo estivo limitado a trinta persoas, que reservaron a súa butaca vía telemática.
Inventi Teatro representou “A tropa do doutor Milagre”, un espectáculo de rúa para todos os públicos que engloba música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma a arriscada decisión de facerse con un autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venta ambulante.
Para esta aventura está acompañado do seu axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí. A dirección da obra correu a cargo de Inventi Teatro e a protagonizaron Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal.
A citada compañía naceu no 2017 en Vigo da man do citado elenco, co obxectivo de crear espectáculos de rúa divertidos, visuais e para toda a familia. “A troupa do doutor Milagre” foi o seu primeiro montaxe, e levan con el máis de 50 actuacións por toda Galicia, amais de participar con esta obra en certames como o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a MIT de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.