Dentro dos sectores culturais o mundo do teatro foi dos que, sen dúbida, mais sufriu os efectos da pandemia. Primeiro no confinamento e peche total, despois, nestes tempos de fases e reencontros, coas restricións aos espectáculos en sala pechada. Do sector (tamén do sector en Vigo) falamos con Marcos Alonso Costas, cofundador da Sala de Teatro Ártika de Vigo.
-As salas de teatro, evidentemente, sufriron un parón absoluto desde que entramos en estado de alarma o 14 de marzo. Cal é a situación do sector teatral neste momento de desescalada?
-Agora mesmo estamos nun momento de calma tensa. Por un lado agardando a ver como se desenrola a situación a nivel sanitario para ter claro que actuacións poñemos en marcha para reiniciar a actividade. E polo outro precisamos saber se desde a administración se lanza algún tipo de axuda para paliar os efectos económicos producidos no noso sector, xa normalmente precario.
-Cales son as medidas que nas sucesivas fases esixiranse ás salas teatrais?
-Sobre todo as medidas que aparecen no BOE para cada fase da “desescalada” son a de redución de aforo, o que fai inviable a actividade para salas privadas como a nosa. Tamén dicir que non hai un protocolo específico para artes escénicas, tanto para público como para compañías, o que fai complicada a apertura dos espazos.
-Dáme a impresión de que o público teatral é fiel, pero obviamente estamos nun momento de especial delicadeza no que captar é tan importante como manter espectadores. Que estratexias comerciais e incentivos para o público propón Ártika?
-Estamos traballando agora mesmo nese tema, xa que decidimos non abrir a exhibición de espectáculos ata setembro. Estamos barallando varias opcións, pero non están o suficientemente definidas como para facelas públicas
-O noso propio Concello ten a súa propia sala na que é habitual unha programación teatral anual. É sensible Alcaldía de Vigo coa situación da cultura en xeral e do teatro en particular?
-Non coñezo polo miudo a relación do Concello co resto das expresións artísticas que se dan na cidade, pero si que é verdade que no tocante as artes escénicas non se amosou ata hoxe excesiva sensibilidade co sector. Agardemos que esta crise poida servir para reverter esa carencia. Nos recibimos unha axuda pequena do Concello, creemos que insuficiente para a labor cultural que fai actualmente a nosa Sala na cidade.
-Tiveron as asociacións teatrais ou as salas independentes de teatro contactos con alcaldía de Vigo, para achegar axudas e medidas específicas para o teatro?
-Fixose, fará un mes mais ou menos, unha reunión Online con Alcaldía para tratar a situación da Cultura, pero sen tratar nin prazos nin cales serían as medidas a implementar. Instouse as partes a seguir mantendo reunións, mais sectorizadas e concretas, pero a verdade e que non soubemos nada máis. Nese sentido, as empresas profesionais de artes escénicas, sentímonos un pouco abandonadas.
-Podemos defender Vigo como un dos centros da cultura teatral galega no século XXI?
-Sen dúbida. Hoxe en día Vigo é una “potencia” cultural en Galicia. No tocante ó teatro, a danza es as artes vivas en xeral. Contamos cas dúas Salas privadas mais importantes de Galiza, a Escola Superior de Arte Dramático, escenógrafos e iluminadores recoñecidos (gañadores das últimas edicións dos María Casares), compañías que fan xiras a nivel nacional e internacional, e un largo etcétera. Por iso da incluso mais pena a falta de apoio que se percibe dende a administración local.
-E máis aló da nosa cidade e as súas institucións cal é a postura das administracións, Goberno de España, Xunta de Galicia, respecto á industria teatral?
-Existen liñas de axudas de carácter anual para as Salas Privadas, compañías, proxectos, etc, tanto por parte do Agadic como do Inaem, sempre de concorrencia competitiva, polo que podes optar a mais axuda canto mais relevante e importante sexa o proxecto que realizas. En canto a medidas específicas a salas de titularidade privada para paliar as consecuencias do parón provocado pola actual pandemia, aínda non hai nada publicado.
-Gustaríame terminar lanzando unha aposta a favor do teatro como medio lúdico (e artístico), animar aos nosos lectores, nesta desescalada que para o sector cultural máis ben parece unha escalada, a acudir a ver obras en directo, sexa na sala Ártika, na Sala Alargue ou no Teatro Afundación, pero creo que para iso ninguén mellor que ti, como animar aos nosos lectores para romper reticencias (seguridade) e gozar do teatro?
-Penso que o Teatro é basicamente unha experiencia global a par que individual, multiorgásmica o tempo que intima. Polo tanto animaría a todo o mundo a achegarse a esta experiencia sen medo, e ca mente aberta para desfrutala plenamente. Invito a todas as persoas a que acudan o teatro con ganas de rir, de chorar, de emocionarte, de sufrir, de gozar…