Do 10 ao 12 de agosto Vigo volverá ser capital mundial do deporte e a cultura urbana coa celebración de O Marisquiño, que celebra este ano a súa XVIII edición con previsións de superar os centos de miles de persoas que participaron en anos anteriores.
O Concello e a Deputación de Pontevedra asinaron este xoves un convenio de colaboración polo que achegan ao evento un total de 400.000 euros, 180.000 a Deputación e o resto o Concello. Despois, nunha visita ás obras de montaxe, Caballero asegurou que manterán o seu apoio a este festival «para sempre» xa que, afirmou, «é un evento a nivel mundial que mobiliza a persoas de todas as idades e adquire cada ano maiores dimensións». O alcalde tamén animou a Zona Franca a colaborar no evento para o próximo ano, ao que o presidente, David Regades, comprometeuse. «Zona Franca quere estar nos eventos que fortalecen a economía da cidade e este, claramente, é un deles, xa que é esencial para os hoteis, os restaurantes e os servizos de Vigo, por iso comprométome o ano que vén participar no convenio», indicou.
Caballero destacou que este tipo de iniciativas conxuntas entre administracións públicas e empresas privadas «supoñen unha nova forma de entender Vigo, na que todos unimos as nosas forzas obtendo grandes resultados».
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción por que «o Marisquiño sitúa Vigo en todos os lugares do planeta e iso ten un valor incalculable» e destacou que a administración que preside «inviste máis en Vigo máis que ningunha outra, unha débeda histórica que tiñamos coa cidade».
O Marisquiño, cuxas actividades poden gozarse de forma totalmente gratuíta, reúne por primeira vez a tres futuras disciplinas olímpicas: skate, BMX e Basket 3×3. Carlos Domínguez » Pity», director do festival, asegurou que van participar grandes figuras do deporte urbano internacional como Jake Ilardi, Leticia Bufoni e Nicholi Rogatkin, «ademais dalgún xogador da NBA, no Basket 3×3, que anunciaremos máis adiante».
O reforzo das actuacións musicais no festival, dentro do Super Bock Live Music, é outra das novidades desta edición. «Cada vez somos máis internacionais e, proba diso, é que este ano un medio de Rusia vai mandar a un correspondente especificamente para o evento», comentou Pity, que lembrou, ademais, que varias probas poderanse seguir en directo desde calquera parte do mundo a través de Internet.