A venda de entradas online xestionase a través da plataforma www.woutick.es e tamén hai puntos de venda física de localidades na cafetería do Centro Dotacional de Torroso, no quiosco Sendín (rúa Pizarro 46 de Vigo) e no JJ Copas (avenida de Galicia 12 de Ponteareas).
Os prezos son de 10 euros máis gastos de xestión se se compra a entrada anticipadamente e de 13 euros se se compra o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do auditorio. Non se recomenda a entrada aos espectáculos a menores de 12 anos.
IMos Rir é o nome co que nace o primeiro ciclo de humor que se empezou a desenvolver o 29 de decembro do pasado ano 2017. Tras o mítico cantante, actor e cómico Pablo Carbonell, chegará o turno o domingo 18 de marzo ás 20.00 horas do máis grande dos cómicos e contadores de historias da cultura galega, o vilagarcián Carlos Blanco.
Abril será o mes no que chegue ao auditorio de Torroso o mediático actor catalán José Corbacho, recentemente finalista no programa de TVE, ‘Masterchef Celebrity 2’. O domingo 22 de abril ás 20.00 horas representará o seu show ‘Corbacho 5.0’.
O broche poñerao o cómico, actor e escritor vigués Miguel Lago o domingo 13 de maio ás 20.00 horas co seu espectáculo ‘En directo 2.0’.
Todos os espectáculos cómicos celébranse no auditorio do Centro Dotacional de Torroso, situado na estrada Puxeiros-Mos. O aforamento do auditorio é de algo máis de 300 persoas.