O teatro foi, indubidablemente, un dos sectores culturais máis prexudicados polo coronavirus. Desde as compañías independentes aos grandes centros de programación teatral, agora é o momento en que a escena teatral volve levantar o pano. En Vigo hai unha interesante escena á que é imposible non sumar o papel do Teatro Afundación. Charlamos sobre a estrea da súa nova tempada teatral con Marité Cores Coordinadora de Cultura de Afundación.
-Me gustaría comezar empatizando coa situación dun centro de cultura tan activo como o Teatro Afundación de Vigo, na súa crise particular desde o pasado 14 de marzo. O peche total debeu supoñer un terremoto interno.
– Non o definiría como un terremoto interno, a pesares de que si foron días moi intensos. Máis ben, describiríao como un momento de tristeza, porque este peche representaba a gravidade da situación que estabamos vivindo toda a sociedade e, moi en particular, polo que supoñía para artistas, compañías, promotores e empresas de servizos que traballan arredor dunha actividade escénica. En definitiva, era o prólogo de meses de incerteza e paro nun sector xa de por si delicado.
– Ademais, estamos a falar dun edificio histórico e emblema da cidade, cuxo mantemento, estea o centro pechado ou operativo, require de recursos (humanos, económicos, técnicos). Imaxino que durante o estado de alarma a vixilancia e mantemento das instalacións foi unha preocupación.
– Certamente somos conscientes do que este teatro representa e da gran responsabilidade que supón o seu mantemento. Contamos cun cadro de profesionais que, de maneira constante, velan pola conservación e coidado destas instalacións, que, en circunstancias normais, teñen un nivel de uso moi elevado, o que limita moito o tempo que se pode dedicar a determinados traballos. Nese sentido, os meses de peche permitiron abordar algunhas tarefas que estaban pendentes e que, aínda que non sempre son visibles, son moi necesarias. Máis tratándose dun edificio histórico coma este. Polo tanto, o peche tamén tivo implicacións positivas.
-Por fortuna o Teatro volve estar activo e hai pouco presentouse a programación de nova tempada. Falaremos de cada obra, pero antes gustaríame saber como foi esta xestión, xa que entendo que son eventos que se pechan con prazos longos… recupéranse proxectos cancelados polo COVID-19 no inverno de 2020, ou se fixo táboa rasa e deseñouse unha nova programación?
– A programación está moi condicionada polas xiras nacionais das compañías e polos compromisos que os actores e actrices teñen con outros proxectos. Isto fai que non sempre se poidan recuperar eventos previstos para datas anteriores. Nesta ocasión, para este outono, recuperamos unha das obras anuladas da anterior tempada e o resto son as que xa tiñamos acordadas con bastante antelación. Por causa da pandemia, algunhas compañías decidiron adiar os seus proxectos, o cal implica unha lixeira redución da proposta inicial.
A situación, como coñecemos todos, é incerta, e non podemos desbotar que haxa variacións nas vindeiras semanas. Non é desexable, pero dado o presente contexto, temos que atender en todo momento os cambios na incidencia da pandemia e, polo tanto, nos protocolos que marcan as autoridades sanitarias.
-O 27 de outubro abre a tempada Losers.
– Si, arrincamos a tempada con esta comedia Losers, que, a través da vida dunha parella calquera, nos fala dos medos e as limitacións que ás veces cremos ter e que, realmente, só están no noso cerebro. É un achegamento, a través do humor, ás imposicións sociais ás que vivimos sometidos e que, en realidade, non serían imposicións se non claudicásemos ante elas.
-Despois contaremos coa presenza de Cayetana Guillén Cuervo, unha das actrices máis famosas do panorama nacional…
– Abofé que si. O certo é que é un orgullo poder ofrecer ao noso público a posibilidade de ver en directo unha das grandes actrices españolas. Non é a primeira vez que Cayetana Guillén Cuervo actúa sobre as táboas do noso teatro e, nesta ocasión, faino protagonizando Puertas abiertas. A protagonista, Julie, vive en París no momento no que unha situación de caos provocado por varias bombas animan os residentes a abriren as portas dos seus fogares ás persoas que quedaron atrapadas na rúa. A persoa que acode ao apartamento de Julie é un mozo que a vai levar a enfrontarse a moitos dos seus prexuízos.
Esta función non deixará indiferente a ninguén. Fala dun dos grandes conflitos do mundo actual, o terrorismo islamista, pero enfrontándonos e poñendo en cuestión moitos dos tópicos e prexuízos que condicionan as nosas opinións.
-O 10 de decembro aténdese a un clásico contemporáneo, David Mamet, coa representación do seu Trigo Sucio.
– Mamet é un clásico do teatro, desde logo. Trigo sucio, que foi protagonizada na súa estrea a nivel mundial en Londres por John Malkovich, chega a Vigo cun elenco composto por catro caras sen dúbida moi familiares para o gran público, como son Nancho Novo, Eva Isanta, Norma Ruiz ou Fernando Ramallo, e dirixida polo gran Juan Carlos Rubio. Eles conducen a historia dunha actriz nova que se enfronta ao xefe dun estudio cinematográfico ao non ceder ante as súas escuras pretensións. Esta resistencia acaba por precipitar a caída do magnate.
-E por último, anunciouse outro clásico imbatible, Un marido ideal, unha obra orixinal de Óscar Wilde, versionada por Eduardo Galán.
– Rematamos o trimestre con este clásico que tivemos que adiar na tempada anterior ante o peche do teatro pola pandemia. Protagonizada por Juanjo Artero e dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente, esta obra poñerá o ramo a esta xeira. A política, a miseria humana, a ambición de poder e as relacións de parella fíanse nesta comedia de Oscar Wilde repleta de ironía e provocación.
-Búscase un equilibrio intencionado entre obras novas e clásicos?
-Si, adoito tentamos equilibrar entre pezas clásicas e contemporáneas, entre comedia e drama… En definitiva, tratamos de que a tempada sexa un reflexo da produción teatral máis destacada que se fai a nivel nacional e, por outro lado, compracer os gustos do público máis variado. Non é doado, porque non sempre podemos programar todo o que nos gustaría. A oferta dispoñible de compañías en xira, e algunhas outras cuestións de calendario, condicionan a escolma final.
-Unha oferta de teatro comercial, de calidade e atractiva para todo tipo de público.
– Si, como dicía, tentamos compracer todo tipo de público e que saia sempre con ganas de volver. Está claro que a todos non nos gusta o mesmo tipo de teatro, pero, máis aló de gustos, o teatro emociona, achega coñecemento, fainos reflexionar sobre cuestións da vida e axúdanos a desenvolver o pensamento crítico, tan necesario hoxe en día.
-Existe unha sensación de que o teatro poida ser unha afección elitista ou a experiencia de Afundación di o contrario, que é transversal que goza de todo tipo de público?
– O que nos di a experiencia é que hai oferta para todo tipo de público e público para todo tipo de oferta. Se ben é certo que o público máis consolidado pode atoparse nun segmento de poboación de mediana idade, cunha certa estabilidade laboral, non podemos esquecer que o público que vai soster o teatro nos vindeiros é o que está formado polas persoas máis novas. Desde Afundación programamos cada curso máis de duascentas funcións para público escolar, con arredor de 85.000 asistentes, co que se favorece que calquera estudante, independentemente da súa orixe ou condición, poida acceder ao teatro.
Por outra banda, desde Afundación, como entidade socialmente responsable comprometida co progreso das persoas e da sociedade a través da cultura, contamos cunha consolidada política de bonificacións e de descontos nas prezos das entradas que abranguen desde un 20 % na adquisición do bono de tempada, ata un 10 % adicional para xubilados, desempregados ou estudantes. Con isto, procuramos, desde o noso papel de axentes culturais, estimular a participación activa da cidadanía na oferta artística. En definitiva, en Afundación traballamos cada día para que as nosas propostas sexan experiencias das que poida gozar o conxunto da cidadanía.
-Esperemos, por último, que o curso non nos obligue a novas medidas restritivas. De momento entendo que desde Afundación e para estas representacións teatrais tómanse todas as medidas de obrigado cumprimento, isto debe quedar claro a todo o que teña ganas de gozar de teatro en vivo en 2020: garántese a saúde de todos.
– A nosa prioridade é a seguridade do público, das compañías e, por suposto, do noso equipo de profesionais. Cumprimos con todas as medidas regulamentarias para que as persoas que veñan ao teatro o fagan coa tranquilidade de estar nun espazo seguro. Así o estamos realizando rigorosamente noutros espazos culturais abertos á cidadanía.
-E nos equipos actorais e técnicos de cada obra? A posta en escena renóvase por causa do coronavirus?
– Non temos constancia, pero estamos estes días en contacto coas compañías para coñecer se hai novidades.