A Deputación festexa este ano o Día Internacional da Danza con “Galicia – Arxentina: un baile de ida e volta”, espectáculo organizado en colaboración co Consulado da República Arxentina, que esta tarde rendeu unha orixinal homenaxe ao tango na zona exterior da sede provincial en Vigo. O evento, que mostrou a fusión das culturas galega e arxentina, viaxará mañá sábado á cidade de Pontevedra e comezará ás 12.00 h, aberto ao público, na explanada exterior do Pazo Provincial.
A rúa Chao do Casco Vello vigués encheuse esta tarde de son e danza ante numeroso público que non quixo perder o espectáculo ao que asistiron a presidenta provincial, Carmela Silva e o Cónsul Xeral de Arxentina, Horacio Martín Doval, que desfrutaron das pezas que cruzaron fronteiras e incluso o propio Atlántico a través dos corpos das e dos artistas. Carmela Silva, que invitou ao público “a bailar cada día para ser felices”, lembrou que o obxectivo destas accións é “crear redes entre dúas culturas que tanto se aman e teñen en común”. A presidenta fixo a lembranza de tantas galegas e galegos “que tan preto de aquí, no Porto de Vigo, embarcaban para Arxentina, un país que nos acolleu, ao que levamos as nosas danzas e onde aprendemos as súas”. “Nós, dixo a presidenta provincial, somos de construír pontes de cultura e pontes de afectos para non esquecer unha historia que tan vinculada está a Arxentina. Esta é a mellor forma de celebralo”.
Pola súa banda, o Cónsul Xeral de Arxentina debullou unha viaxe pola historia do tango, “transgresor na súa orixe e que hoxe segue a espertar fascinación. Un baile sensual e nostálxico, visceral, profundo, que conmove e emociona”. Horacio Martín, que agradeceu á Deputación “este traballo conxunto para xerar estes espazos que nos enriquecen, recordou tamén que “o tango naceu dos suburbios, se desenvolveu como disciplina de excelencia, de abaixo a arriba, como un dos símbolos da arxentinidade”.
O espectáculo non deixou a ninguén indiferente. As primeiras en pisar o linóleo branco que cubría o chan a modo de escenario foron nove bailadoras pertencentes a “Óscar Cobos Compañía de Danza”. Cos seus corpos interpretaron “Bailador”, unha peza subversiva e feminista coa que renderon homenaxe a todas as mulleres que preservaron e transmitiron o baile tradicional, de xeración en xeración, facendo gala de habilidades únicas como as das Penlas de Redondela, que se desenvolveu coa musica de Berrogüetto.
A continuación, o público puido desfrutar da actuación de Óscar Cobos e Antía Barcia que interpretaron un tango á galega que serviu como ponte entre ambas culturas. Ambos representaron a modernidade do tango-danza en Galicia fusionando os seus elementos cos da biomecánica aplicada á danza mediante un uso moi particular do movemento do corpo e dun repertorio musical pouco usual dentro do mundo do tango.
Finalmente, “Galicia – Arxentina: un baile de ida e volta” rematou cun tango ao máis puro estilo arxentino no que participarán dúas parellas lideradas pola bailarina Laura Díez, arxentina afincada en Vigo. As parellas estiveron acompañadas polo dúo arxentino “El Barullo” composto polo pianista Francisco Monteiro e o bandeonista Alejandro Szabo.