O Museo do Mar de Galicia acolle desde este sábado a exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, coa quese lle rende homenaxe ao urbanista e arquitecto galego, no marco do programa de actividades que está a impulsar a Xunta con motivo do Ano Palacios. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou a mostra e referiuse á “creatividade única” de Palacios, que lle permitiu deixar “unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”.
Para o conselleiro, Antonio Palacios foi quen de “crear unha marca propia” coa que soubo “combinar vangarda creativa co modelo residencial galego”. Ademais, incidiu na vixencia da súa obra e na necesidade de poñela en valor e de divulgala entre as novas xeracións.
Comisariada polo catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC), Jesús Sánchez García, a mostra reúne máis de 200 pezas, algunhas nunca antes expostas. Entre elas, Román Rodríguez destacou a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, elaborada ex profeso por alumnado do IES Politécnico desta cidade.
Percorrido en tres ámbitos
A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia e A construción dunha identidade, o público poderá achegarse tanto á produción arquitectónica como ás inquedanzas artísticas e ás iniciativas culturais de Antonio Palacios na súa traxectoria vital entre Galicia e Madrid.
Nas distintas seccións amósanse planos de proxectos, así como imaxes das principais obras en Galicia e Madrid tomadas polo fotógrafo Ricardo Grobas, vellas fotografías do arquitecto e das súas amizades, prensa histórica para documentar a acollida das súas propostas e diferentes iniciativas culturais, e tamén pezas orixinais relacionadas cos seus deseños para a decoración interior dos edificios. Hai, ademais, numerosas maquetas que amosan diferentes edificios como o Teatro García Barbón de Vigo, o Círculo de Bellas Artes e o Templo do Mar de Panxón, entre outras.
A mostra inclúe tamén algunhas pezas audiovisuais nas que se reúnen fragmentos de vellas películas nas que asoman os seus edificios, facilitadas pola Filmoteca de Galicia. A mostra poderá visitarse ata xaneiro de 2022 de martes a venres de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 19,00 horas. Os sábados, domingos e festivos, poderá visitarse de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 20,00 horas.
Antonio Palacios
Recoñecido por diferentes estudosos como a figura de maior interese na arquitectura española dos primeiros anos do S.XX, Antonio Palacios naceu no Porriño en 1874 e morreu en Madrid en 1945. Estudou arquitectura en Madrid, cidade na que levou a cabo un dos seus primeiros proxectos tras gañar, xunto ao seu compañeiro de carreira Joaquín Otamendi, o primeiro premio no concurso para construír o Palacio de Comunicacións de Madrid, en Cibeles.
Na súa ampla carreira profesional levou a cabo numerosos proxectos tamén en Galicia, incluíndo varios para reformas urbanas e plans de ensanche e modernización, como os preparados para Vigo e Vilagarcía de Arousa nos anos 20, entre outros.