‘Rompe. Xoga en igualdade’ trátase, en palabras da presidenta da Deputación, dunha “exposición vangardista, unha exposición para golpear as conciencias, para facer pensar e reflexionar e que, sen dúbidas, non vai deixar a ninguén indiferente”. De feito, Silva asegurou que “estou segura que a mostra vai traer críticas pero as críticas, incluso as destrutivas, serven para cambiar o mundo se detrás hai un gran proxecto como esta exposición, que rompe eses teitos de cristais e cemento armado que sufrimos as mulleres cada día dende que nacemos”.
A mostra consta de 18 paneis cheos de “poesía visual para cambiar o mundo” que foron postos en marcha por Isabel Blanco e Irene Silva, con fotografías de Noemí Chantada. As protagonistas son as bonecas Barbies que foron intervidas para amosar “as situacións de desigualdade, violencia e discriminación que vivimos as mulleres dende nenas, recalcando na importancia do xogo para a educación, transmisión de valores e formación das nenas e dos nenos”.
Así, haberá paneis que recollan temas como a beleza, a casa, a escola, a muller floreiro, garabatas, a golpeada, o matrimonio infantil, o mundo, as princesas, a prostitución, o reloxo, o traballo, a voda ou os zapatos de tacón.
A presidenta da Deputación explicou que a selección da Barbie para a mostra responde aos datos que poñen de manifesto que “se trata da boneca máis famosa da historia, coa que a diario xogan milleiros de nenas do mundo pero, ao tempo, é unha boneca que transmite valores sexistas, que se están a reproducir tanto nos xogos como nas condutas das nenas e nenos”.
Silva tamén indicou que a boneca “non representa a unha muller real, senón que presenta a unha muller obxecto, con todo o que iso supón para o desenvolvemento das nenas e mozas, dos nenos e dos mozos”.
Un martelo para romper cos estereotipos
Diante de cada panel situarase un martelo co fin de trasladar “a idea de romper coa desigualdade e traballar arreo para evitar a invisibilidade á que se nos somete poñendo en valor que as mulleres somos, estasmos en todos os sectores da sociedade e en todos os eidos e conseguimos o que nos propomos, sempre que teñamos espazos, recursos e se nos permita dende a sociedade construír todo aquelo que queremos que é a igualdade”.
Pola súa banda Isabel Blanco destacou que a mostra xorde “da necesidade de expresar o que cremos para cambiar o mundo” e Irene Silva enxalzou o seu carácter “de denuncia para reparar na situación de desigualdade que vivimos as mulleres e romper con ela para xogar en igualdade”.