A Deputación de Pontevedra vén de inaugurar na Farola de Urzaiz, en Vigo, a exposición ‘A casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, comisariada por Pepe Barro, unha “imprescindible” mostra no espazo exterior que ata o 20 de xullo permitirá á cidadanía viguesa realizar un percorrido pola historia do museo rosaliano e lembrar o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a casa da universal escritora grazas á colaboración de milleiros de persoas.
O tiro de saída á mostra, presidida por Carmela Silva e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, completouse despois na sede viguesa da Deputación cunha conferencia a cargo de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e cun concerto de Su Garrido con pezas de temática rosaliana.
A presidenta provincial, Carmela Silva, aproveitou a ocasión para subliñar a singular e espléndida característica de Galicia xa que “somos dos poucos pobos que temos como grande referente a unha muller, Rosalía, a nosa matriarca, o noso grande emblema, que nos une e identifica”. Tampouco deixou pasar a ocasión para lembrar a estreita relación da autora coa cidade de Vigo, “xa que aquí foi onde se publicou a súa grande obra ‘Cantares gallegos’ e tamén aquí ela residiu e gozou dunha feliz etapa da súa vida”.
Sobre a historia da Casa de Rosalía que recolle a mostra, a presidenta quixo facer fincapé no importante papel que desenvolveu a cidadanía que “se implicou nun auténtico crowfunding, no que participaron asociacións, organismos e persoas moi vinculadas con Vigo e a cultura da cidade, para recadar o suficiente e recuperar a Casa de Rosalía para convertela no que hoxe é, a casa de todas as galegas e galegos”.
Tras o acto de inauguración da exposición, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, foi o encargado de pronunciar unha maxistral conferencia xa na sede da Deputación no Casco Vello, na que detallou en profundidade os “estreitos” lazos da autora con Vigo, tanto durante a súa vida como no momento de recuperación da súa casa da Matanza ou durante o 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’. “Aquí, en Vigo, Rosalía de Castro forxouse como escritora na imprenta de Juan Compañel, onde mesmo chegou a vivir unha pequena temporada a finais de 1859”, lembrou.
Angueira detallou que “na rúa Real ven luz as catro obras que marcan o camiño futuro da escritora: Lieders, La Hija del mar, A mi madre e Cantares gallegos, libro fundacional da literatura galega contemporánea”, e destacou que no proceso histórico de compra e remodelación da Casa de Rosalía, “Vigo estivo apoiando de múltiples maneiras o proxecto do que agora se cumpren 50 anos xa que foron moitas as personalidades viguesas que se significaron co seu apoio como Méndez Ferrín, Cunqueiro, os Massó, Zulueta de Haz, Daniel Pino, Xosé María Álvarez ou Antón Patiño, así como entidades como o Celta de Vigo, que chegou a doar 35.000 pesetas, unha por cada entrada vendida no seu partido contra o Real Madrid”.
Finalmente, o presidente da Fundación Rosalía de Castro destacou que a cidade de Vigo tamén se implicou “de cheo” nos actos con motivo do 150 aniversario de ‘Cantares gallegos’, no 2013, cando se organizou unha exposición na Fundación Barrié, “de enorme éxito”, e “cando se creou unha alfombra na Rúa Real con versos da ‘Alborada’ rosaliana realizados pola Asociación Veciñal do Casco Vello”.
O evento, que se desenvolveu coa asistencia de asociacións e colectivos culturais da cidade, tamén contou coa actuación da música e compositora viguesa Su Garrido, un pequeno concerto no que interpretou pezas relacionadas con Rosalía.