O interese xerado está a superar todas as expectativas, tal e como subliñaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na rolda de prensa de presentación do catálogo da exposición.
O comisario da mostra, Francisco Singul, debullou os principais contidos dun libro que nace en torno á figura do Pergamiño pero que se converte nunha obra de referencia e de consulta obrigada, tanto para especialistas como para profanos, sobre a Galicia da Idade Media.
“O Pergamiño é o núcleo aglutinador do libro, está no centro real e simbólico dos doce capítulos, pero só o capítulo sexto está dedicado especificamente a el, e ao seu arredor vanse desenvolvendo en círculo concéntricos o resto dos capítulos, que inclúen estudos relativos á lírica medieval, á cultura e arte do seu tempo, á política e á realidade da ría de Vigo e a súa contorna”, explicou Singul.
400 centros escolares xa concertaron visita
“O Pergamiño e a súa exposición xera produtos para a historia e este catálogo é iso un produto para a historia feito con moitísimo talento”, destacou o reitor, que ademais de facer fincapé no “papel central” do comisario da exposición, quixo pór en valor o traballo realizado para a obra “dos galegos e galegas que saben disto, que saben da nosa historia, da nosa cultura, do noso pobo, da nosa fala… e tamén dos maiores expertos a nivel internacional nestes temas”.
“Un catálogo sempre fai que unha exposición non remate o día que se pecha, senón que se amplíe ao longo do tempo”, subliñou o conselleiro, quen fixo fincapé en que as máis de 23.000 visitas recibidas “proban o elevado interese que espertou este proxecto expositivo na sociedade galega”.
Na mesma liña Rodríguez insistiu no carácter didáctico da mostra, apuntando que ata o vindeiro mes de marzo van pasar pola exposición máis de 400 centros educativos, o que supón arredor do 50% do total de escolas e institutos de Galicia.
Neste contexto o conselleiro fixo público que para atender á importante demanda de público a partir do mes de xaneiro o Museo do Mar tamén abrirá as súas portas os luns.
A Galicia da Idade Media en 12 capítulos
O catálogo ábrese cun artigo do propio Singul que explica o contexto político, social e cultural do século XIII, o mundo de Alfonso X O Sabio, “porque é arredor da corte onde se desenvolve a lírica medieval galega tanto profana como relixiosa”.
O segundo capítulo é autoría da profesora Antonella Liuzzo, da Universidade de Lincoln, a maior especialista do mundo no concepto de amizade na Iberia medieval. O terceiro autor é o profesor da Universidade de Vigo Bieito Arias, que se centra na lírica galega e portuguesa e da paso a un cuarto capítulo, de Pilar Lorenzo, que asina un traballo sobre a tradición da canción de muller e a cantiga de amigo.
Dun xeito máis concreto, Mercedes Brea aborda a Martin Codax como o creador dun modelo específico de cantigas de amigo. O capítulo central, dedicado á historia do pergamiño Vindel, o seu contido e descrición material, é obra de Mariña Arbor, profesora da USC.
A segunda parte do catálogo arranca co artigo do catedrática tamén da USC Carlos Villanueva, sobre a música e como interpretar as sete cantigas que se recollen no pergamiño. Pola súa banda, Manuel Castiñeiras, da Universidade de Barcelona, “que trata un aspecto máis importante, como é a relación de Galicia con Occitania, desenvolta moi especialmente a través do Camiño de Santiago ou de textos como o Códice Calixtino”, como destacaba Singul. Seguidamente, David Chao fala da iconografía profana, da danza, da música, da escultura, etc. dos séculos XII e XIII.
Na parte final do catálogo, Vigo é o protagonista. O profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Méndez achégase á ría e á costa galega dende a cartografía medieval, algo que Singul considera relevante, “xa que temos que ter en conta que na Idade Media a xente non sabía onde vivía, non tiña unha idea clara da súa contorna, do lugar que ocupaban.
O tamén docente vigués Francisco Javier Pérez fala no seu estudo sobre a bisbarra de Vigo na Idade Media e a súa realidade territorial. Finalmente o derradeiro capítulo, de Anselmo López, “un texto evocador e romántico sobre o Vigo que puido ver Martin Codax”.
O catálogo, dispoñible tanto no propio Museo do Mar coma na Libraría Institucional de Galicia, péchase cunha relación das fichas das obras que conforman a exposición ‘Un tesouro en sete cantigas’.