O Marco acollerá a mostra «Xulio Verne. Os límites da imaxinación» durante cinco semanas máis. Así o anunciou este martes o alcalde de Vigo, quen argumentou a decisión pola afluencia «extraordinaria» de público que recibe a mostra, inaugurada o pasado 19 de abril e que ía clausurarse o 16 deste mes de setembro.
Finalmente non será ata o 21 de outubro cando a exposición peche as súas portas, logo de ser visitada por 8.000 persoas no mes de xullo e máis de 10.000 en agosto, datos «sen precedentes» neste museo vigués. Dada a singular relación que une a Verne coa cidade, a mostra inclúe contidos específicos para Vigo e actividades paralelas, como visitas guiadas, programación didáctica e obradoiros infantís para toda a familia.