O Goberno galego e a súa Delegación Territorial levan meses a traballar para deseñar unha programación de Nadal que contribúa a que a cidade mostre o seu lado máis humano nesta época do ano, ao tempo que se recupera o Nadal máis tradicional e solidario. Ademais, os proxectos teñen como obxectivo traballar coa sociedade civil, con entidades solidarias, fomentar accións participativas de ambiente familiar e colaborar en positivo coa cidade.
Co obxectivo de afondar na reflexión do que supón e significa o Nadal, a Xunta decidiu impulsar varias iniciativas vinculadas coa promoción e posta en valor desta festividade en Galicia. A finalidade do Goberno galego é contribuír a que os vigueses conten cunhas festas de calidade das que participen todos os cidadáns e visitantes.
O Porto de Vigo colabora coa Xunta de Galicia en ambos programas culturais FOTO: APV
Por unha banda, programou o espazo «Nadal solidario» no Tinglado do Porto entre o 16 de decembro e 4 de xaneiro en horario de 12 da mañá ás 10 da noite, estendéndose á medianoite os sábados e domingos, con máis dun centenar actividades ao longo de todo o día. Unha iniciativa especialmente pensada para as familias e que contará cun espazo solidario, tendo en conta que estas datas son especialmente difíciles para algunhas persoas.
“Trátase dun lugar no que cidadáns, turistas, peregrinos e empresarios poderán achegarse para aportar o seu grao de area para que todos podamos gozar destas datas” en palabras da delegada Corina Porro. Un espazo que contará tamén con actividades que permitirán encher a cidade de Vigo de cultura e tradición.
Atraccións, foodtrucks e paxe real
A animación no exterior contará con decoración tradicional, atraccións para os máis pequenos, foodtrucks e unha grande caseta habilitada para que o paxe real recolla todas as cartas dos nenos e nenas aos Reis Magos. Tamén participan as asociacións de comerciantes de Vigo, que se aquendarán para ofrecer información sobre campañas para as compras do Nadal nos barrios de Vigo.
Xa no interior, a peza principal será o Nacemento da Catedral de Santiago que, en 60 metros cadrados, amosará preto de 500 pezas articuladas. As obras que se están a realizar na basílica impiden este ano a súa exposición pública.
Á decoración tradicional do Nadal sumaranse, no interior do Tinglado, nove casetas de madeira que contarán actividades propias nas que participan a Autoridade Portuaria de Vigo, que dará a coñecer os seus ambiciosos proxectos medioambientais; a Consellería de Medio Ambiente, coa celebración de talleres infantís que ofrecen desde experimentos de “Ciencia Divertida” ata actividades de reciclaxe e concienciación medioambiental; a Consellería de Mar, con actividades informativas das súas campañas; a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería do Medio Rural, que porán o foco de atención nos seus diferentes programas; Anfaco, que fará demostracións de conservas e organizará talleres informativos e showcookings; e as 24 ONGs que, en diferentes quendas durante as mañás e as tardes, terán a oportunidade de trasladar o seu proxecto solidario á cidadanía.
Por último, a Fundación Celta de Vigo traerá xogadores do equipo de primeira división e do equipo Integra, formado por deportistas con discapacidade (gañadores este ano da Copa de España), cos que os visitantes poderán compartir momentos e pedirlles autógrafos.
A delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, xunto cos nenos e nenas do CEIP Lope de Vega que participaron no programa “Coñece a Túa Administración”
Organizaranse varios talleres nos que os máis pequenos poderán facer experimentos e facer fósiles coas súas propias mans, un obradoiro específico para que avós e netos podan compartir unha experiencia única e un terceiro taller dedicado a creación de xogos reciclados. Asemade, artesáns galegos farán demostracións dos oficios tradicionais.
O apartado da animación corresponderalle á Federación de Bandas de Música Populares de Vigo e Asociacións de Corais Polifónicas, rondallas e agrupacións teatrais da cidade. Estarán presentes, apuntou Corina Porro, alumnos da Escola de Arte Dramático e o coro infantil da Fundación Mayeusis, a Coral Casablanca, cun espectacular concerto de campás, e os Bolechas. Asemade, grupos locais e de jazz encargaranse de amenizar no horario ampliado ata as 00.00 horas as noites dos sábados e domingos.
«Coñece Vigo»
Por outra banda, a Xunta tamén deseñou a iniciativa «Coñece Vigo», un novo programa de visitas guiadas con nove rutas que afondan na historia, a cultura, a economía e o patrimonio cultural da cidade.
A programación inclúe nove rutas, guiadas e de balde, pensadas para os vigueses aínda que abertas a toda a sociedade, especialmente ás asociacións, colectivos sociais e centros educativos. Xiran entorno ás orixes de Vigo, os homes e mulleres que fixeron onte o Vigo que é hoxe, os espazos a través dos que entender a identidade viguesa, o xornalismo, a administración ou os eixos do seu crecemento económico.
A ruta dos Miradoiros de Vigo permitirá, cos montes do Castro e a Guía como protagonistas, observar a ría e coñecer os seus segredos; o Vigo Castrexo ofrecerá a posibilidade de viaxar no tempo ás máis antigas orixes da cidade; o Vigo Romano afondará nos xacementos romanos máis importantes; mentres que os «Nomes de Vigo» ilustrará sobre os grandes benefactores da cidade a través dunha guía moi especial caracterizada de Irene Ceballos, ilustre veciña viguesa á que débelle o seu nome o Instituto Santa Irene; e a ruta do Pazo de Quiñones de León, na que será a propia Marquesa de Valladares quen guíe a visita a unha das pinacotecas máis interesantes de Galicia.
Todas as rutas inclúen transporte en autobús ou en catamarán, como o que é necesario para participar en «Coñece o teu Porto», unha excursión que amosará desde o mar toda a actividade pesqueira e industrial.
A aceptación da iniciativa, ideada polo Goberno galego en colaboración coa Autoridade Portuaria, por parte dos vigueses é tal que en tan só dez días recibíronse 5.000 solicitudes e moitos dos itinerarios están xa completos. A actividade é de balde e a inscrición pode facerse na páxina web de turismo.gal.