Segundo datos ofrecidos polo alcalde de Vigo, desde a súa inauguración ata agora 8.700 persoas visitaron esta mostra, polas 4.600 visitas que recibira a programación expositiva do Marco no mesmo período do 2017, un incremento próximo ao 90%. Caballero puxo en valor a exposición sobre Xulio Verne e avanzou que o goberno local fará unha campaña de divulgación polo «importante» desta e da relación entre o escritor a cidade.
Jean Michel chega a Vigo 140 anos despois de que o fixera o seu tataravó por primeira vez, data que a cidade está a conmemorar con distintos actos. O Marco acolle unha mostra que ofrece contido específico da vinculación do autor francés e a cidade olívica. Ademais de tataraneto do autor de Nantes, Jean Michel Verne é escritor e xornalista, colaborador en prestixiosas publicacións internacionais, experto no traballo de Jules Verne, autor de diversos traballos sobre a súa obra e membro da Societé Jules Verne de Francia.
Abel Caballero recordou que o Marco acolle, ademais da nomeada exposición, a mostra «A luz e a lente. Historia do microscopio a través da colección Camacho & Pallas». O alcalde salientou a «potenciación tan importante» do céntrico museo vigués, que «continuaremos».