Nesta recta final do ano, Vigo e Nigrán acollen varios actos organizados pola Fundación Carlos Casares en toda a comunidade para rendir tributo ao escritor e, ao mesmo tempo, achegar diversos aspectos novidosos na relación transversal entre a literatura, a cultura, as artes escénicas e musicais, a política ou mesmo o humor.
O primeiro deles é a exposición “Sorrisos por un mundo” que ata o 28 de novembro pode visitarse na Sala Rosalía de Castro da sede viguesa da Deputación de Pontevedra.
A mostra, patrocinada polo organismo provincial e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, fai un repaso pola concepción do humor, as súas teorías, o seu papel nas distintas culturas do mundo, a súa historia en Galicia e a súa relación con Carlos Casares.
«Sorrisos por un mundo» divídese en tres partes comezando coa análise do humor desde a súa definición, ata onde xorde nos nosos cerebros, como nace nos seres humanos e noutras especies animais e repasa as diferentes teorías sobre o humor. Ademais, nesta primeira parte describe a aparición do humor en distintas culturas do mundo, facendo fincapé no feito cultural.
Na segunda parte, “Sorrisos por un mundo” céntrase na historia do humor en Galicia, desde as cantigas de escarnio e maldicir ata o humor popular en coplas, regueifas, contos e chistes, o humor gráfico ou mesmo a aparición dos “memes”. E, finalmente, a mostra recolle a presenza do humor en Carlos Casares, desde a súa concepción vital ata a súa pegada nas obras infantís, xuvenís, ensaios, novelas ou obra xornalística, así como na súa propia personalidade, a través de fotos divertidas ou caricaturas que lle fixeron ao longo da súa vida e que el tan ben atesouraba.
Ademais dos oito expositores dispostos na Sala Rosalía de Castro da sede da Deputación en Vigo, a mostra complétase con material adicional accesible mediante teléfonos móbiles que recolle as distintas facetas do humor como feito cultural.
«Sorrisos por un mundo» é unha exposición interactiva composta por 8 plotters e unha gran variedade de material adicional accesible mediante o teléfonos; desde textos, imaxes e videos, ata cartel e folleto descargables. O idioma de esta exposición é exclusivamente o galego.
Espazo MUTA, este xoves
Tamén en Vigo se desenvolverá o día 21 de novembro a segunda sesión de “MUTACIÓNS: Alén da Norma“. O espazo MUTA acollerá unha noite máxica onde a literatura de Carlos Casares cobrará nova vida reinterpretada polas actrices Sophia Fernández e Mariana Carballal.
A música será o fío condutor desta segunda sesión, co dúo Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz), reinterprentando melodías tradicionais galegas cun toque contemporáneo. Tamén estarán no evento Bea Míguez Beutxi e Franc Gorriz, que presentarán en conxunto unha experimentación de voz e percusión creada especialmente para a ocasión.
O evento complementarase con viños da adega Alvaredos-Hobbs da Ribeira Sacra, xunto con petiscos para o público asistente, que completarán esta celebración dos sentidos. A entrada ao acto ten un custe de 15 euros con reserva previa ata completar aforo.
Presentación en Nigrán
Para finalizar os eventos do ano, o xoves 5 de decembro, ás 19 horas, a Fundación Carlos Casares e o Concello de Nigrán presentarán o caderno de gravados As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.
Intervirán o autor da obra, Xosé Poldras, doutor en Belas Artes; e mais José Ángel Cid, profesor do departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo. O interludio musical correrá a cargo do Grupo de Cámara da Agrupación Musical de Vincios.
O acto é de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo.