A rúa do Príncipe acolle ata o vindeiro 9 de abril a exposición ‘Terra de soños. Cristina García Rodero’, unha mostra fotográfica que reflicte a vida cotiá dos habitantes de Anantapur, no Estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres de India, onde viven as comunidades máis marxinais e vulnerables do país.
Mediante a conversión dun espazo público nun museo a ceo aberto, a exposición achega o traballo de Cristina García Rodero, que durante un mes e medio visitou hospitais, centros de acollida de mulleres vítimas do maltrato, talleres, colexios e casas, logrando retratos que dan voz a aquelas persoas a miúdo esquecidas: nenos e nenas, persoas con discapacidade e, moi especialmente, mulleres. Nais, campesiñas, costureiras, noivas de distintas confesións, profesoras, enfermeiras e mozas estudantes xogan un destacado papel neste proxecto, xa que representan un dos principais motores da transformación das comunidades de Anantapur.
A mostra afonda no máis sensible e máxico do mundo feminino, así como na forza e a capacidade de superación das mulleres de Anantapur. A fotógrafa achegouse a elas cun respecto reverencial. Obstinada e desmedida, García Rodero soubo mergullarse nese mundo, fundíndose na alegría e o sufrimento de quen encobre con cor e apostura os clarescuros da súa propia existencia.
O resultado do proxecto son 40 instantáneas: un torrente de imaxes representativas das comunidades rurais da India que engaiola pola calidade compositiva e a viveza das súas estampas.
A través desta obra, a artista propón un particular xeito de ollar India, un mundo complexo e fragmentado. Cada fotografía constrúe un código visual coherente e, por riba de todo, transcendente: a imaxe que se transforma en arte.
García Rodero, unha revolución no paradigma do ollar
Cristina García Rodero é unha figura tutelar da fotografía universal, tanto pola súa personalidade como pola repercusión nacional e internacional da súa obra. Nada en Puertollano (Cidade Real) en 1949, licenciouse en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid. Primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoxornalísitca Magnum, entre os seus traballos destaca ‘España oculta’.
Recibiu numerosos premios, entre eles o World Press Photo 1993, o Nacional de Fotografía 1996, o FotoPres La Caixa 1997, o PhotoEspaña 2000, o Godó de Fotoperiodismo 2000, a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2005 e a Medalla de Ouro de Castela-A Mancha 2016, e, recentemente, o PhotoEspaña 2017. É a primeira fotógrafa española en ter un museo propio, na súa cidade natal.