As preto de cincoenta imaxes que conforman a exposición foron seleccionadas do Arquivo Fotográfico Pacheco como fonte de excepción para documentar os acontecementos que axudaron a configurar a cidade na que vivimos hoxe. Centrouse o período de estudo no segundo terzo do século XX para reforzar e incrementar o coñecemento que sobre esta época emana do arquivo Pacheco. Os acontecementos dese período serven tanto para imaxinar o Vigo anterior á súa creación á vez que nos axudan a comprender a cidade tal e como a coñecemos.
Nesta crónica gráfica que se propón veremos unha cidade dinámica, en crecemento e cosmopolita, que se configura pouco a pouco como motor económico a través da consolidación e modernización dunhas industrias potentes e punteiras, así como do asentamento dun puxante sector dos servizos, pero que non esquece o tempo de lecer. Farase un percorrido polos escenarios, polas vidas, polos instantes captados. Centrámonos na historia dos valores a través das historias que xera o acontecer cotián.
O percorrido comeza alá polos anos 30 cunha urbe que xa fora testemuña e parte dos emblemas da modernidade. Multiplicárase a poboación da cidade co conseguinte crecemento urbano. Era unha cidade dotada xa de cines e teatros, con xornais, na que a cidadanía se relacionaba nas salas das sociedades recreativas e nas actividades populares e deportivas.
A partir dos anos 30 esta cidade comeza a gañar terreo ao mar o que cambia por completo a súa configuración. Expándese ao ritmo das súas modernas industrias. Será preciso substituír os vellos peiraos de madeira por outros sólidos e firmes á altura das novas necesidades. Vigo consolídase como porta do Atlántico á sombra da ditadura e do período de entreguerras. Aparecen novas barriadas sempre coa urbanización da Gran Vía como insignia. Chegan así primeiros voos comerciais a un aeroporto de Peinador hoxe recentemente remodelado, érguese o hospital, e comezan a construírse infraestruturas que mesmo hoxe en día seguen en plena vixencia como a ponte de Rande.
En definitiva, a mostra propón un repaso da cidade do século XXI a través do acontecer fotográfico da cidade do século XX.
A exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 17 de agosto, poderá visitarse de luns a venres de 18:00 h a 21:00 h, os sábados de 12:00 h a 14:00 h e de 18:00 h a 21:00 h, e os domingos e festivos de 12:00 h a 14:00 h.