Coa mostra preténdese abordar “temas relacionados coas persoas que habitaron no Castelo de Soutomaior como é o caso de María Vinyals”, en palabras da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
Deste xeito a exposición, que estará na Sala de Tapices do castelo ata o mes de febreiro, vai presentar parte “da marabillosa colección dos fondos do Museo de Pontevedra centrada na moda feminina de finais do século XIX e principios do XX, época na que o Castelo era a residencia dos Marqueses de la Vega de Armijo primeiro e logo de María Vinyals”.
A través de ‘A moda en detalles’ darase a coñecer como vestían as mulleres coetáneas a Vinyals, os seus gustos, como accedían á moda ou como eran as diferentes tendencias nas que o gusto pola diversidade foi predominante, ademais dun símbolo de modernidade para moitas mulleres. Deste xeito, amosaranse pezas que pertenceron ás irmás Domerq, á familia García Solís ou ás irmás Mendoza, que aportaron unha grande cantidade de fondos ao Museo de Pontevedra.
En concreto, a exposición recolle 200 pezas de bordados, abalorios, calzado, cosmética, xoiería, publicacións, complementos e pezas únicas na moda feminina de finais do século XIX e comezos do XX, moitas delas inspiradas na moda de París ou con tecidos procedentes dos mellores almacéns de Londres. “Veremos cores, complementos, tecidos que tamén se reproducen en obras de pintores como Joaquín Sorolla, gran amigo de María Vinyals á que retratou nun cadro a comezos do século XX que hoxe permanece en paradoiro descoñecido”, destacou Carmela Silva.