O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) inaugurou este xoves unha mostra do fotógrafo e poeta coruñés Manuel Vilariño, que pecha en Vigo o seu percorrido. O centro artístico comeza a nova tempada de exposicións con esta proposta que ocupará a primeira planta da pinacoteca ata o 31 de xaneiro do próximo ano. A exposición, comisariada por Fernando Castro, está producida pola Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura e Deporte.
‘Seda de cabalo’ é a maior de cantas exposicións se realizaron ata esta data de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952), fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007 e un dos máis importantes artistas do panorama contemporáneo actual. Manuel Vilariño expuxo ao longo da súa traxectoria no Museo Reina Sofía de Madrid, en The Museum of Fine Arts de Houston, no Museo Estremeño e Iberoamericano de Arte Contemporánea (MEIAC) de Badaxoz e no Artium de Vitoria, entre outros.
A mostra revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras —fotografías, instalacións, vídeos e tamén unha parte da súa produción poética— desde 1980 ata a actualidade. Máis que unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos máis destacables da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.
Atendendo a unha orde máis formal e conceptual que cronolóxica, a selección de obras e a súa disposición en salas responde á vontade de manter esa continuidade poética, temática e ambiental que dá sentido ao percorrido e a toda a obra de Manuel Vilariño no seu conxunto. A montaxe nas salas do MARCO leva ao espectador desde a súa particular mirada aos animais e a súa reinterpretación da esencia dun xénero clásico como o bodegón -Vilariño como gran mestre da natureza morta—, á súa visión da paisaxe, intimamente relacionada coa melancolía, nun diálogo permanente e sutil entre a vida e a morte.