O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José Campos, enxalzou este mércores a “importante e fundamental” aportación ao patrimonio cultural galego do comercio e intercambio de produtos do mar que supuxo para Galicia a actividade da mariña mercante.
Así o salientou na inauguración do novo espazo expositivo Contra vento e marea. A Mariña Mercante en Galicia. 1750-2002 no Museo do Mar de Galicia, enmarcada nos actos de celebración esta semana do Día do Museos e para o que a Xunta ten artellada una programación especial en toda a súa rede museística. Na inauguración tamén estiveron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o deputado provincial Jorge Cubela.
O conselleiro puxo en valor a apertura deste espazo temático neste centro museístico, “localizado nunha cidade tan estreitamente vencellada ao mar e a toda a industria e impacto económico que este xera”.
Precisamente, esta nova sala fai un percorrido a través de máis de 100 pezas pola importancia que o tráfico e comercio marítimo supuxo para o desenvolvemento en Vigo do sector pesqueiro, do naval e tamén do automobilístico.
No entanto, López Campos quixo incidir sobre todo na pegada no patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, que a actividade da mariña mercante entrañou non só para a contorna do noso litoral, senón para todo o territorio galego.
Deste xeito, referiuse a esas viaxes transatlánticas ou por diferentes puntos do planeta, coas que a tripulación traía consigo de volta á casa novos artefactos, artesanía, tecnoloxía e tamén palabras ou costumes que foron espallándose e tendo arraigamento propio na nosa Comunidade.
Por estes motivos, celebrou que a rede museística da Xunta dispoña dun espazo dedicado á relevancia que en tan diversos e amplos ámbitos supuxo para Galicia esta actividade comercial, “e moito máis que se estableza, como non podía ser doutro xeito, no Museo do Mar de Galicia”, remarcou.