A mostra itinerante pasou xa por Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña e mais Lugo. Atópase agora en Vigo, na rúa Concepción Arenal, para difundir entre a cidadanía o legado literario de María Victoria Moreno. Para iso, exhíbense oito paneis con ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, que foron creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos: Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón.
Impulsada polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, xunto co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a mostra xira arredor das obras ‘O cataventos’, ‘A festa no faiado’, ‘Anagnórise’, ‘Mar adiante’, ‘Un cachiño de bica’, ‘Guedellas de seda e liño’, ‘Leonardo e os fontaneiros’ e ‘A brétema’.
Ademais, contén tres paneis biobibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha escolma de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da obra ‘O cataventos’ e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Ursula Heinze.
A exposición acompáñase dun cuadríptico, que está accesible en liña en https://www.cultura.gal/sites/default/files/documents/destaques/cuadriptico_expo_letras_galegas_2018.pdf
Logo do seu paso por Vigo, a exposición percorrerá ata final de ano os concellos de Ferrol, Ordes, Sanxenxo, Vilalba, Ourense e Celanova.