A finais de 2021, a Universidade de Vigo e a Fundación MOP (unha iniciativa cultural de Marta Ortega) asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories, un proxecto ao que se destinarían os ingresos pola exposición Peter Lindbergh: Untold Stories, a través da venda de merchandising. Tras o gran éxito da mostra, o proxecto permitiu ofrecer ao alumnado da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo dez bolsas de 4000 euros para o desenvolvemento de proxectos artísticos a partir dos seus traballos de fin de grao.
A convocatoria tamén prevía que os resultados dos proxectos artísticos do alumnado se reunisen posteriormente nunha exposición colectiva nun espazo museístico de referencia, como é o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco), que deste este venres acolle nas salas do seu primeiro andar a exposición Future Stories, o resultado final dun proxecto, que tiña o obxectivo principal de impulsar as carreiras profesionais dos novos titulados e tituladas en Belas Artes e recoñecer o seu potencial.
Antía Encisa, Carmen Suárez, César Souto, Elsa Bouzas, Juncal A. Castro, Laura Cid, Lucía Perdiz, Raquel Álvarez, Sandra Gutiérrez e Xoel Gómez son os dez artistas que amosan as súas obras en Future Stories, logo de seren seleccionados por un xurado composto polo decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; as profesoras María Covadonga Barreiro e Chelo Matesanz; o crítico de arte Ramón Rozas; o director do Marco, Miguel Fernández-Cid e a Fundación MOP como promotora do proxecto. A orixinalidade das propostas, o seu interese conceptual e temático e a calidade formal e técnica das obras, foron os criterios nos que se baseou o xurado para realizar a selección das obras que conforman esta mostra, que os seus promotores consideran un proxecto de acompañamento a novos artistas para impulsar o inicio da súa carreira profesional.
Na presentación da mostra, que tivo lugar este mediodía no Marco, o decano da Facultade de Belas Artes da UVigo, Xosé Manuel Buxán Bran, agradeceu a implicación e o traballo desenvolvido por todas as persoas implicadas nunha experiencia totalmente nova para o centro. Buxán destacou que Inditex “fiara todo á Belas Artes e concretamente en reivindicar ao seu alumnado”, do que destacou a calidade do seu traballo, que obrigou ao xurado “a darlle moitas voltas” á hora de seleccionar os dez proxectos que acadaron as bolsas. No mesmo sentido, o director do Marco, Miguel Fernández-Cid, agradeceu os apoios de todas as institucións e entidades que fixeron posible a posta en marcha “dun proxecto moi ben formulado” e que, asegurou ao museo lle fixo un favor, “organizando unha mostra colectiva”. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Abel Losada, defendeu a colaboración das institucións para poñer en marcha iniciativas coma esta , ao tempo que reivindicou a existencia de espazos de liberdade de expresión, como a Facultade de Belas Artes, “nun momento que está seriamente ameazada. Hai que resistir, parece que todo está feito, pero non é así”, dixo o edil.
As e os artistas e as súas obras
Future Stories será, ata o 8 de xaneiro de 2023, o espazo de convivencia de dez proxectos artísticos desenvolvidos a partir de Traballos Fin de Grao con múltiples linguaxes e disciplinas, que amosan a disparidade de intereses do alumnado de Belas Artes. Así, Antía Encisa González en Buscándome fóra de min propón unha obra que parte da consideración de que a autopercepción vese alterada pola era dixital na que vivimos. Desta maneira, quen observa a súa obra navega a través de diferentes soportes, que revelan un autorretrato contado a través de imaxes e textos apropiados, nunha instalación multidisciplinar que combina vídeo, fotografía, collage, autoedición e bordado, na busca dunha autodefinición desde unha perspectiva non binaria e disidente de xénero, explica. O proxecto de Carmen Suárez Marcos, O olvido na mente, a memoria no corazón, pola súa banda, intenta afondar nas conexións coas mulleres da súa contorna para así chegar a comprender a súa identidade individual e como esta se relaciona coa súa propia. Mentres, a obra Figuras, de César Souto Rodríguez, nace en equilibrio entre o desexo de expresión corporal e unha profunda poética da ausencia, segundo explica. Trátase dunha serie de pinturas de gran formato sobre tea sen bastidor cuxa formalidade abstracta acolle un diálogo no que conviven o tempo, o amor, o corpo e identidade.
Intimidade compartida, o proxecto de Elsa Bouzas, rastrexa no fogar a subxectividade persoal dos recunchos máis íntimos do mundo que habitamos, intentando traspasar as fronteiras entre o que está dentro e fóra de nós, nunha obra que propón repensarnos como parte dun sistema vivo, complexo e interconectado. Juncal A. Castro, pola súa banda, suma a esta exposición Relatos de la memoria, unha reflexión, por medio da práctica artística, sobre a dimensión física dos recordos e como a memoria se ancora e relaciona cos espazos nos que vivimos, Na súa peza, a artista combina diversas técnicas e formas de facer propias da pintura e a escultura, para falar dunha forma de mirar ao pasado individual e colectivo, apuntan desde a organización da exposición.
Nesta combinación de traballos de diferentes disciplinas, Laura Cid Rascado presenta en Un día 2022,unha historia sinxela, ausente de palabra, onde o protagonista, un oso preguiceiro, analiza os seus arredor e descobre o benestar e a tranquilidade que transmiten eses paisaxes, en compaña das persoas que máis aprecia. Por outra banda, obxectos cotiáns pertencentes ao fogar mestúranse con materiais reciclados e restos industrias en Errare humanum est…, de Lucía Perdiz, un conxunto de obras que xiran en torno ao concepto de mobilidade territorial. Do mesmo xeito, o concepto de refuxio como un lugar de abrigo segredo e seguro son abordados por Raquel Álvarez en Encontros e agochos. O seu proxecto desenvólvese a partir da construción dunha cabana tecida, que evoca ese espazo protector e a través dun imaxinario persoal, apélase aos sentidos coa elección de cores vibrantes e texturas suaves e cálidas, nunha reflexión sobre o sentido de habitar.
Sandra Gutiérrez Aldao, pola súa banda, parte en Memorias antropomórficas da tradición de que todas as mulleres da súa familia teñen o seu xardín para crear o seu propio, nunha obra na que se interesa polas capas ocultas da visión que lle achegan estes xardín. Finalmente, este compendio de traballos artísticos nacidos como TFG complétase con Carne: transitando o eu, o proxecto centrado na performance que Xoel Gómez López presenta como unha viaxe pola construción da identidade propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria.