Organizada pola Fundación Carlos Casares no ano no que se lle dedicou ao escritor o Día das Letras Galegas, a mostra «Os mundos de Carlos Casares» é un percorrido pola vida e obra do escritor ourensán, con atención ás súas principais creacións pero tamén ás súas relacións de amizade e familiares, as súas múltiples afeccións e o seu incansable activismo cultural en favor do galego e das artes.
Á inauguración asistiron o fillo do autor, Hakan Casares Berg; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado Xosé Leal, o alcalde Abel Caballero e os comisarios da exposición, Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez.
«Tiña que estar en Vigo porque el estaba moi relacionado co sur da provincia», apuntou o secretario de Política Lingüística. Pola súa banda, Abel Caballero destacou o carácter de Casares porque «conseguía que os escearios se mimetizaran con el, transmitía cada etapa e lle daba carácter ao que estaba a suceder».
A mostra está comisariada por Gustavo Adolfo Garrido (secretario da Fundación) e Chus Martínez Domínguez, e conta cunha novidosa proposta expositiva froito do traballo do estudo coruñés Creus e Carrasco, especializado en eventos de gran formato. Conta con soporte audiovisual, ademais de paneis textuais explicativos, obxectos cotiáns, documentos e pezas históricas e fotografías orixinais, encadrados nun fondo histórico que permite coñecer mellor a época que lle tocou vivir a Casares.
No que vai de ano, e antes de recalar en Vigo, «Os mundos de Carlos Casares» puido contemplarse en Santiago, A Coruña, Ourense, Arzúa e Ribeira.