A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, inaugurou este mércores na sala Maruja Mallo da Sede de Vigo a exposición “Sobre debuxar, fiar e habitar”, da artista buenense Nerea Cordeiro, nun acto no que estivo acompañada pola propia artista.
A mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro 25 de outubro e que ten programada unha visita guiada para o día 23 ás 19:00 horas, presenta unha parte do traballo plástico desenvolvido pola artista nos seus dous últimos proxectos, “Cidades telaraña” (2022-2023) e “Figuras de cordas” (2023- ).
“É unha mostra na que Nerea mestura linguaxes artísticas diversas: desde debuxo ou gravado ata intervención espacial”, explicou a vicepresidenta provincial, que aproveitou para felicitar á artista porque “a pesar da túa xuventude, xa te avalan numerosos premios, certames e exposicións, e só hai que ver a túa obra para entender por que. Estou segura de que tes un futuro máis que brillante por diante”.
Luisa Sánchez, quen remarcou no acto o compromiso da institución provincial co “talento creativo da provincia”, destacou tamén o “poder transformador da cultura, e especialmente da arte, para avanzar como sociedade”, e incidiu no “apoio e grande aposta” da Deputación de Pontevedra pola cultura e os creadores da provincia.
Na mostra, protagonizada por unha liña que se fai camiño do papel ao espazo coa incorporación do fío, preténdese iniciar unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura. Tamén busca activar e dinamizar socialmente a contorna que a rodea, tratando temas de actualidade relevantes desde o prisma da arte contemporánea.
Ademais, “Sobre debuxar, fiar e habitar” enmárcase no contexto dunha incipiente tese de doutoramento (UVigo-UCM) que se centra na produción artística e pretende indagar na interconexión que se produce entre o lugar e a arte.
Nerea Cordeiro (1999) vive e traballa entre Galicia e Madrid. Despois de cursar o grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo, trasladouse á capital para facer un mestrado universitario en Investigación en Arte Contemporánea na Universidade Complutense. Actualmente forma parte do programa de doutoramento da mesma institución.
Defínese como unha artista multidisciplinar, que adoita traballar coa instalación e coa intervención. Nestes momentos está a realizar unha investigación baseada nas prácticas artísticas, cuxa principal aspiración é abrir unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura, entendendo a segunda como debuxo no espazo.