O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) inicia a súa programación de 2022 cunha mostra individual protagonizada por Teresa Moro (Madrid, 1970) baixo o título O Efecto Reliquia. «A artista pon en escena un proxecto que fala da paixón da artista por coleccionar, rastrexar e arquivar obxectos singulares, como acto de resistencia e de reivindicación a través da pintura», explica o comisariado formado por Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto.
A artista madrileña inaugurou este venres a súa exposición individual na primeira planta do céntrico museo vigués. “O Efecto Reliquia”, programada ata o 1 de maio, amosa obxectos comúns na vida doutros artistas a través da mirada pictórica de Moro. O acto de inauguración foi presidido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen estivo acompañado polo edil de Cultura, Abel Losada, da propia artista, Teresa Moro, e dos comisarios Pilar Souto e Miguel Fernández-Cid, este último tamén director do Marco.
Durante a súa intervención, Abel Caballero agradeceu a Teresa Moro a súa presenza no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, “que está a vivir o seu mellor momento histórico”, e subliñou “a idea brillante de Teresa”, que traslada “a personalidade dos artistas” a través dos seus despachos, dos seus “medios de produción”.
Obxecto utilizado
Para Teresa Moro, “efecto reliquia” é aquela emoción que se esperta nela cando cre atoparse perante un obxecto (unha paleta, un tallo, a cama…), que puidese pertencer ou ser utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira.
Durante a época clásica, nos santuarios gardábanse artigos venerables asociados co heroe, incluídos roupas e mobles. En principio, os antigos gregos non atribuían a aqueles restos propiedades milagrosas, senón que a súa presenza tiña para eles unha misión protectora. É esta segunda función a que interesa á artista, quen apoiada na súa paixón por rastrexar, colleitar e arquivar, hai xa varios anos que comezou unha persoal campaña de rescate de reliquias, como estratexia defensiva fronte ás ameazas que sentía que asediaban o creador contemporáneo.
Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, que ela vai clasificando nun particular arquivo gráfico.
Altar votivo
Arquivo que traslada á parede do estudio, o cal pouco a pouco adquire o aspecto dun altar votivo. O espazo de traballo transformouse nun lugar dedicado a render culto aos ídolos. Taller de artista-coleccionista convertido en cámara onde se custodian eses obxectos anteriormente usados por outros. Adoitan ser cousas ordinarias, ás que a relación diaria cos seus donos converteu en únicas. E que por ese status de singularidade son incorporados ao tesouro de reliquias.
O percorrido organízase en varias series: postais, estudos, reliquias e camas. Obstinarse en colleitar e converter eses artigos de uso común en protagonistas da obra, e ademais facelo pintando hoxe, constitúe un acto de resistencia fronte á estandarización e un xeito de render tributo aos mestres. Toda unha reivindicación da creación como experiencia extraordinaria.
Horarios apertura
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.30