A Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o Concello de Vigo inauguraron este luns, 27 de decembro, a “Exposición polo centenario do falecemento de Michel Pacewicz” no centro comercial Vialia. A mostra, destinada a divulgar a figura do arquitecto Michel Pacewicz, configurouse no marco do convenio de colaboración establecido entre o Colexio de Arquitectos e o Concello, comisariada polo arquitecto Nacho Hortas, do estudio 04 Arquitectos, con María Guevara como deseñadora gráfica e con fotografías de Ángel Tourón.
A mostra foi inaugurada pola secretaria da delegación viguesa, María Mariño, e a súa tesoureira, Sonia Alvarado; así como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a concelleira de Urbanismo, María José Caride; o xerente de Urbanismo, Carlos Hernandez Figueruelo; a xefa de Desenvolvemento Urbanístico, Julia Chamosa; e o director de Vialia Vigo, Juan Louro. A exposición, que fai un percorrido pola vida e obra de Michel Pacewicz a través de 12 paneis informativos, estará aberta ao público durante un mes en Vialia para a continuación exhibirse nos barrios da cidade.
O arquitecto francés de orixe polaco desenvolveu os seus últimos 17 anos de actividade profesional en Vigo, onde deseñou algúns dos edificios máis emblemáticos da cidade, como a Escola de Artes e Oficios, o edificio Moderno, as Casas de Oia en García Barbón, a Casa Rosendo Silva en López Mora ou a Casa Yáñez.
Pacewicz chegou a Vigo en 1897 nos seus anos de madurez profesional. A sociedade burguesa viguesa –Manuel Bárcena (Conde de Torrecedeira) e os irmáns Yáñez– visita en París a Exposición Universal, e da man de Benito Sanjurjo coñece ao arquitecto Pacewicz a quen lle encargan varios proxectos na cidade olívica. En 1904, Pacewicz estableceuse en Vigo coa súa muller ata a súa morte en 1921.