O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) acolle desde este venres ata o vindeiro 24 de maio a mostra «Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos», unha selección das súas obras procedentes de diferentes coleccións. A exposición foi inaugurada coa presenza do alcalde e o comisario Xosé Carlos López Bernárdez.
Baixo o título «Espazos e encadramentos», e conformada por unha selección de obras procedentes do comodato e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configúrase a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Manuel Colmeiro.
«É unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, que intenta achegar novas lecturas e enfoques. Faise especial fincapé na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra, e outros momentos menos coñecidos do seu traballo», apunta o comisario.
A exposición está deseñada como unha lectura, que traza varios eixos espazo-temporais e repasa a súa traxectoria dende os inicios da súa formación arxentina até o seu regreso definitivo a Galicia, a través das cinco seccións nas que se estrutura a mostra. Neste amplo percorrido, incídese na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra —Buenos Aires, París, Galicia— e sublíñase a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega, presentando as súas obras xunto as doutros artistas galegos —Maside, Souto, Torres, Laxeiro, Virxilio Blanco— e exemplos doutros contextos da modernidade internacional, nomeadamente arxentina.
Durante a inauguración da exposición, na que estivo presente a neta do pintor, Alba Corral, Abel Caballero salientou que Manuel Colmeiro formou parte dunha «grande revolución e tiñamos que ser capaces de incorporar este gran legado na cidade. Queríamos recuperar a presenza activa deste gran mestre».
Así, trasladou o seu «orgullo» porque a obra de Colmeiro ocupe este espazo no Marco, engadindo que o pintor tamén estaría orgulloso de ver como o antigo cárcere se converteu nun espazo artístico e asumiu, dende o Concello, o labor de «recuperar a Colmeiro no espazo e no tempo».
Realismo «moderno»
O realismo “moderno” de Colmeiro e do conxunto d’Os Novos foi a dirección dominante que adoptou a ideoloxía da vangarda en Galicia, cunha vontade de facer que a praxe artística se orientase pola dupla consigna crítica de identidade e de modernidade: reflectir a esencia do galego sen deixar de ser modernos.
Como os diferentes realismos xurdidos na Europa de entreguerras, o de Colmeiro e outros pintores galegos parte do recoñecemento de se sentiren herdeiros dunha tradición. Trátase dun patrimonio no que queren afondar ao procuraren nel os aspectos esenciais, o que implica a súa modernización mais de xeito ningún a súa destrución. Nisto coinciden con outros fenómenos artísticos desta altura como o dos pintores italianos do Novecento, a Neue Sachlichkeit (a “Nova Obxectividade” alemá) ou os “Novos Realismos” de América Latina (en contacto cos que vai transcorrer parte da traxectoria de Colmeiro na Arxentina).