A Real Academia Galega elixiu a Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) académico de número no pleno ordinario celebrado este sábado. O escritor, tradutor e destacado especialista en toponimia é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica dende o ano 2012. No pleno de hoxe acordouse ademais nomear académicos correspondentes ao crítico literario Ramón Nicolás Rodríguez (Vigo, 1966) e á xurista Celia Pereira Porto (Rotterdam, 1971).
A traxectoria como investigador en onomástica de Gonzalo Navaza comezou nos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outras obras, publicou Fitotoponimia galega (2006), un traballo monumental que recolle preto de 8.000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021). O académico electo é ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.
A tradución é outro campo da lingua que traballou con éxito. Verteu ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega doutro éxito de Conan Doyle, O can dos Baskerville, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).
Gonzalo Navaza desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).
Celia Pereira Porto e Ramón Nicolás, membros correspondentes
O pleno da Real Academia Galega acordou tamén nomear membros correspondentes a xurista Celia Pereira Porto e o crítico literario Ramón Nicolás. Celia Pereira Porto é doutora en Dereito e desenvolve un labor destacado en distintos campos sempre dende o compromiso coa lingua e a cultura galegas. É autora da primeira tese de licenciatura en galego sobre o pensamento de Concepción Arenal, docente e investigadora sobre igualdade e xénero en Galicia, foi membro do gabinete de apoio á actualización normativa da Asesoría Xeral da Xunta de Galicia, forma parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, exerce como avogada laboralista dende hai máis de quince anos e participa na Irmandade Xurídica Galega.
A nova académica correspondente publicou como ensaísta A aportación de Concepción Arenal no marco do Estado liberal español e A discriminación de xénero na negación colectiva: vellas inercias e novos retos para a igualdade; e levou ao galego O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu de Clara Campoamor, parte do seu empeño por traducir clásicos ao galego. É articulista en distintos medios e autora de crítica literaria en Praza Pública ou Criaturas, e mantén ademais un notable activismo asociativo: foi fundadora de organizacións como a Asociación Cívica Cultural Vía Vella de Ponte Canedo (Ourense) e na actualidade é presidenta da Fundación Vicente Risco, da que antes foi secretaria.
O escritor, tradutor e crítico literario Ramón Nicolás é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa (USC) e diplomado en Estudos Portugueses pola Universidade Nova de Lisboa, e exerce como profesor de Lingua e literatura galegas dende 1989, un labor que desenvolve na actualidade no IES Castelao (Vigo). Comezou a escribir crítica literaria no ano 1990, dende hai dúas décadas cultiva este xénero no suplemento “Fugas”de La Voz de Galicia e dende hai dez anos proxecta tamén na Rede a súa ollada no blog Caderno de Crítica, recoñecido con diferentes galardóns. O novo académico correspondente presidiu ademais a sección de crítica da AELG, forma parte da Asociación Galega da Crítica dende a súa fundación e tamén é membro da Asociación Española de Críticos Literarios.
Como ensaísta publicou, como autor ou coautor, máis dunha ducia de títulos aos que hai que sumar outros tantos como editor literario e prologuista, entre eles varios títulos sobre Celso Emilio Ferreiro como Conversas con Celso Emilio Ferreiro (2009) ou Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (2012), galardoado este último co Premio da AELG ao mellor ensaio e o Premio Antón Losada Diéguez de ensaio.
O seu labor como tradutor tamén foi distinguido en diversas ocasións con premios como o Fervenzas Literarias á mellor tradución por Sete casas en Francia de Bernardo Atxaga (2009), o Lois Tobío por 30 gramos de Leonel Moura (2011) ou a entrada na Lista de Honra do IBBY en 2015 e 2016 coa tradución de Bisa Bea, Bisa Bel de Ana Maria Machado.