A Biblioteca Municipal Neira Vilas súmase ao Festival Internacional de Narración Oral, Atlántida, un encontro artístico que xunta en Galicia a artistas de diferentes países co obxectivo de indagar nas raíces das historias, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nos relatos que foron difundidos a través do mar.
Este venres ás 19:30 horas, nunha sesión especial de Contos Dakí, o ciclo de contacontos para adultos organizado pola Biblioteca, a contadora brasileira Claudia Fonseca presentará o seu espectáculo «Contos e cantos nordestinos». A actividade é gratuíta e con aforo limitado.