A Casa Galega da Cultura vén de abrir as portas da exposición de ‘Francisco Fernández del Riego, 1913-2010. Letras Galegas 2023’, que poderá visitarse ata o domingo 17 de decembro. Trátase dunha mostra autobiográfica que recolle unha selección das súas obras máis significativas.
A mostra está organizada pola Fundación Penzol co gallo da dedicatoria pola Real Academia Galega do Día das Letras Galegas, da que foi o seu presidente entre 1997 e 2001.
Instalada no vestíbulo da Casa Galega da Cultura, trátase dunha mostra fotobiográfica dividida en tres períodos: 1913-1939; 1940-1974 e 1975-2010, impresa sobre paneis que percorren sinteticamente a traxectoria dunha personalidade de máxima relevancia na cultura galega contemporánea.
Complétase a instalación cunha mostra bibliográfica que recolle unha selección das súas obras máis significativas así como doutras de diferentes autorías que tratan sobre a súa figura.
O conxunto pretende ser unha introdución á súa obra e ás súas intensas e extensas actividades a prol de Galicia e da súa cultura. Tamén unha invitación a coñecer a Casa Galega da Cultura, que acolle a súa biblioteca, arquivo e museo —doazón que realizou ao pobo de Vigo en 1995—, así como a biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, que Del Riego dirixiu desde a súa creación en 1963 ata pouco antes do seu falecemento en 2010.
Na inauguración estiveron presentes Xosé Manuel Soutullo Víctor, director da Fundación Penzol; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Malores Villanueva, secretaria da Fundación Penzol e biógrafa de Francisco Fernández del Riego Manuel Puga; así como o presidente da Fundación Penzol, Ramón Martínez Bermúdez, en representación da familia de Francisco Fernández del Riego.