As escritoras e escritores galegos converteranse este xoves nos grandes protagonistas da celebración da Deputación de Pontevedra do Día Internacional do Libro deste ano 2020. Despois dunha semana chea de actividades culturais on line, ao través da web provincial e das redes sociais, este día grande dos libros estará centrado nas referencias persoais de oito autoras e autores galegos contemporáneos e a súa particular invitación a ler a través das súas obras favoritas.
Así, nun vídeo que se colgará na web da Deputación de Pontevedra, e no que participará tamén a presidenta provincial, Carmela Silva, escritores e escritoras como Pedro Feijoo, Marilar Aleixandre, Francisco Castro, Ledicia Costas, Domingo Villar, Inma López Silva, Manel Loureiro e Silvia Penas, compartirán coas persoas que accedan á páxina da institución e ás súas redes sociais, os seus libros de referencia. Neste audiovisual agasallarán á cidadanía coa mellor literatura: “a que nos compromete, a que nos emociona, a que nos fai pensar, a que nos fai máis libres”.
“Os libros están a ser fundamentais nestes días de confinamento, téñense convertido nos nosos amigos máis fieis”, subliña Carmela Silva. Por iso, pese a que a pandemia condiciona este ano a celebración, a presidenta da Deputación insiste en que estas circunstancias excepcionais “reforzan a necesidade de compartir cultura”. De feito, con este audiovisual, a institución provincial pecha unha semana chea de cultura e de actividades que contou con outro vídeo para convidar á cidadanía a participar nunha viaxe a través de sete grandes obras da literatura universal de autores e autoras dos cinco continentes. O vídeo amosa un mapa virtual no que se fai parada en escritoras e escritores de referencia como Rosalía e Cervantes, Harper Lee e Gabriel García Márquez, Mariama Bâ, Khaled Hosseini e Kate Grenville.
Tamén desde a pasada fin de semana se comparte nas redes sociais citas recoñecidas de autores da literatura galega e universal para conmemorar esta xornada, como Cervantes, Italo Calvino, Virginia Woolf, Fina Casalderrey, Pablo Neruda, Jane Austen, Miguel Delibes, Ana María Matute, Quevedo, Toni Morrison ou Simone de Beauvoir a través da etiqueta #adepocoalectura.
Sorteo do libro sobre María Vinyals
Tamén, ao abeiro do Día do Libro, a Deputación de Pontevedra organiza un sorteo cuxo premio será un exemplar da obra “María Vinyals. A muller do porvir” do autor Diego Piay e da editorial Alvarellos. O concurso realízase a través das redes sociais do Castelo de Soutomaior, concretamente no perfil de Facebook, e o prazo para participar é ata este xoves, ás 12 horas. Este venres ás 13 horas, realizarase o sorteo.