O acto de presentación do concurso de relatos celebrouse este martes coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero; o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez; o concelleiro de Comercio Ángel Rivas; o editor da Editorial Elvira, Xabier Romero; Sara Alonso, directora en Galicia da empresa patrocinadora do certame, Tressis; e o xornalista e membro do xurado, Jacobo Buceta.
Javier Romero destacou as principais novidades da presente edición do certame: “Esta edición haberá primeiro e segundo premio, ademais de catro accésits, a petición do xurado, que o ano pasado tivo unha gran dificultade para elixir ao gañador”. Ademais, explicou Romero, a editorial colaborará cunha ONG de Vigo, que se dará a coñecer nos próximos meses, cedendo a esta institución un euro por cada libro vendido. A editorial, que confía en seguir medrando na participación un ano máis, agradeceu o apoio das institucións (Concello de Vigo e Deputación Provincial) e de Tressis, “porque non poderíamos levar a cabo o concurso sen o seu apoio”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo destacou a ilusión e esforzo que pon a Editorial Elvira neste concurso, así como a implicación da empresa Tressis nun proxecto de cidade. Caballero tamén tivo palabras de eloxio para os integrantes do xurado: “Hai algunhas cousas na vida que nunca se esquecen, e ser membro dun xurado é unha desas, porque significa un traballo exhaustivo, complexo e coa dificultade de decidir entre os relatos presentados”, manifestou.
Sara Alonso explicou o compromiso de Tressis co certame: “A Responsabilidade Social Corporativa está moi presente en Tressis e por iso esperamos seguir patrocinando esta e outras iniciativas”. A directora de Tressis agradeceu o apoio das institucións, xurado, medios de comunicación, “por difundir algo que é moi de Vigo e moi de todos”. Pola súa banda, Jacobo Buceta manifestou a ilusión do xurado ante este novo reto e destacou a incorporación de Ledicia Costas ao mesmo, “xa que contaremos cun Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil”. Ademais, agradeceu a sensibilidade da Editorial Elvira ao acceder á petición do xurado de crear un segundo premio.
O concurso
O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá día 8 de marzo e finalizará o 30 de xuño. O xurado contará cunha cara nova e moi destacada, xa que se incorpora ao mesmo a escritora Ledicia Costas (Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), que se amosou encantada de sumarse a esta iniciativa. Desta forma o xurado estará formado pola propia Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, e o profesor e escritor Julio Alonso. O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 29 de setembro e 6 de outubro e no mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa (cos relatos premiados e unha selección dos mellores).
O tema do relato será libre, pero Vigo ten que ser protagonista. Este ano faise especial fincapé nas bases en que “a cidade ten que ser parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame”.
Admitirase un único texto por autor, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres). Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador, un segundo premio de 500 e 4 accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web da Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).
O cartel da cuarta edición do Certame foi realizado por Cynthia Alfonso (Vigo, 1988). Esta viguesa, que estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra, a día de hoxe forma parte do fanzine Taiga e colabora en diferentes publicacións e exposicións nacionais e internacionais.