A Editorial Galaxia ven de reeditar un libro de lectura obrigada para comprender a liña divisoria entre Galicia e Portugal: “Miño: Existiu unha fronteira?”, de Luis Manuel García Mañá. Co subtítulo de “Apuntamentos históricos, xurídicos e sociolóxicos”, o que reflicte perfectamente o obxectivo dos contidos.
O libro foi editado por primeira vez no ano 1993 e constitúe un excelente repaso, moi ben documentado, das vicisitudes do río Miño como división fronteiriza entre galegos e lusitanos, algo que existe desde o século XII.
O currículum de García Mañá e moi extenso e moi brillante, un dos máis completos dos intelectuais galegos contemporáneos. Foi comisario xefe de Policía en Madrid, en Ourense, e tamén en Vigo durante varios anos. Logo ocupou durante varios anos o posto de xefe superior de Policía de Galicia, e, finalmente, tamén foi elixido senador pola provincia de Ourense.
Luis García Mañá é un home realmente singular que ao longo da súa vida foi quen de compaxinar as súas tarefas profesionais cos estudos e investigacións de tipo cultural, e cunha activa participación en diferentes organismos e asociacións. É Licenciado en Dereito, membro da Real Academia Galega, membro do Instituto de Estudios Vigueses, e tamén é membro da Asociación de Amigos do Couto Mixto e do Padroado da Fundación Otero Pedrayo
Como complemento a todas as súas actividades están as súas brillantes facetas de ensaísta e de escritor. Como ensaísta destaca a obra que agora presentamos, “Miño: Existiu unha fronteira?”, á que tamén se suman traballos moi interesantes como “Couto Mixto, unha república esquecida”, “As primeiras boticas de Vigo e o arte do oficio”, “La frontera hispano-lusa en la provincia de Ourense”, e “De los corregidores a los gobernadores civiles de Ourense”.
Como escritor de novelas ten no seu haber obras tan atractivas e agradábel para os lectores como “As plumas do moucho”, “O lume de Santo Antón”, “Menino morreu”, “O grito da Ipiranga”, “Por que as sombras non teñen ollos”, e “Non fales o que non debes”, algunhas delas moi apropiadas para un guión cinematográfico.
Convén subliñar que todos os traballos de García Mañá están perfectamente documentados, e incluso as súas novelas están arroupadas por moitas bases reais que lle confiren credibilidade cara os lectores.
“Miño: Existiu unha fronteira?” é, se dúbida, o mellor libro sobre o Miño como fronteira e constitúe unha interesante e pedagóxica lectura, pero tamén unha indispensable ferramenta de consulta académica para as persoas estudosas do tema.
O libro ten tres partes perfectamente definidas. Na primeira parte do libro faise unha síntese histórica do Miño propiamente como fronteira, a xénese de Portugal como reino e país, os coutos (Couto Mixto), e diversos avatares ata os nosos días. Na segunda parte se analizan os instrumentos xurídicos internacionais dos límites correspondentes ao río Miño, incluíndo diversos tratados. E na terceira parte se fala da rexión Galaico-Minhota na actualidade. A obra complétase cunha serie de anexos relativos a diferentes tratados hispano-lusos vinculados co río Miño como fronteira, ata o artigo 149 da Constitución Española de 1978.
En definitiva, “Miño: Existiu unha fronteira? Apuntamentos históricos, xurídicos e sociolóxicos”, de Luis Manuel García Mañá, reeditado pola Editorial Galaxia, é unha obra de contido profundo e fiable que aporta luz sobre a historia dun río que vertebra Galicia e que constitúe, no seu tramo do sur, a fronteira cun país moi querido e moi irmandado con Galicia: Portugal. Indispensable.