A terceira edición da Escola de Letras pechará os seus talleres cun obradoiro de poesía a cargo da escritora de literatura adulta e infantil Elvira Ribeiro, que levará por título ‘Onde nace o poema‘. O taller terá lugar os días 18 e 25 de outubro de xeito presencial no Edificio Administrativo da Deputación de 18.00 a 20.00 horas. As persoas que desexen formar parte del poderán realizar as súas inscricións a partir do vindeiro luns 12 de setembro, co envío dun correo electrónico a partir das 8.00 horas ao enderezo escoladeletras@editorialgalaxia.gal.
Ademais, tralo parón estival, a Escola retoma este mes a súa actividade con dous obradoiros literarios para os que as prazas xa están esgotadas e cunha ampla lista de agarda. Será o taller da man de Diego Giráldez que comezará o día 13 e que se celebrará na sede da Deputación en Vigo, en horario de 18.00 a 20.00 horas. O impartido por Anna Figueiredo, ‘Escribir, xéneros, técnicas, temáticas’, desenvolverase no Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra a partir do día 19, de 19.00 a 21.00 horas.
A Escola de Letras da Deputación e a Editorial Galaxia, baixo a dirección de Francisco Castro, é pioneira en Galicia e unha das escasas a escala estatal. A iniciativa arrancou no ano 2020 co obxectivo de fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun abano de obradoiros que abarcan a novela, o relato ou a poesía, para todos os públicos. Neste 2022 están a ofertarse un total de seis obradoiros da man de Inma López Silva, García Teijeiro, Diego Giráldez, Anna R. Figueiredo e Elvira Ribeiro.