A Escola de Letras, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha xunto á Editorial Galaxia no pasado mes de maio, continúa a súa andaina coa celebración, o próximo mércores 20 de xaneiro ás 19.00 horas, dunha ‘masterclass’ impartida pola escritora Anna R. Figueiredo. A sesión, que se realizará de xeito telemático, leva por título “Escribir a primeira novela” e está aberta a todas as persoas que queiran participar a través da seguinte ligazón de Google Meet: https://meet.google.com/wcw-tsps-ant.
A través desta proposta literaria a escritora conversará coas persoas participantes sobre a experiencia de escribir e publicar unha primeira novela. Anna R. FIgueiredo responderá nesta clase ás preguntas que se adoita facer unha persoa nos seus comezos literarios a través de intervencións, imaxes e algún xogo relacionado coa literatura galega e a cultura audiovisual.
Anna Figueiredo (Ourense, 1979) é doutora en física pola Universidade de Sheffield e na actualidade imparte aulas de ciencias e tecnoloxía no ensino secundario. No eido literario compre destacar a publicación en 2018 da súa primeira novela, ‘Os bicos feridos’. Como escritora recibiu premios como o de Relato Curto de Mugardo (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014). Ademais, colaborou en revistas de banda deseñada coma ‘BOOM’ ou ‘BD Banda’.