A escritora Oriana Méndez, que exerce como concelleira na cidade polo grupo municipal da Marea de Vigo, foi designada como gañadora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia e ao que se presentaron un total de 27 obras inéditas.
O fallo do xurado salienta que o poemario ‘Interna’ “caracterízase por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados, conmovedores, cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu”. “Afloran, con precisión léxica, vivencias esenciais e significativas que se manteñen coma unha memoria vivida en diálogo permanente con outras voces e referentes, proseguen os membros do xurado, que remarcaron igualmente, “a eufonía duns versos que incitan a unha lectura en voz alta enunciados cun gran dominio dos recursos da oralidade”.
Oriana Méndez (Vigo, 1984), é licenciada en Filoloxía Galega pola USC. O seu labor poético comezou no ano 2000 na revista cultural A Caramuxa, de Noia. A esa intervención seguiranlle colaboracións en publicacións colectivas de grupos como Burla Negra, e na revista Mealibra, así como en numerosos recitais poéticos, encontros e proxectos de acción poética, como ‘A revolta das letras’.
No ano 2003 colaborou na elaboración do libro ‘Xuro que nunca volverei pasar fame’ publicado por Redes Escarlata. En 2014 gaña o Premio de Poesía Concello de Carral co poemario ‘O que precede a caída é branco’ e en 2019 faise co premio do V Certame de Poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra ‘O corazón pronúnciase extenso’. Autora dos poemarios ‘Derradeiras conversas co Capitán Kraft’ (2007), ‘Cero’ (2011), ‘O que precede a caída é branco’ (2015) e ‘O corazón pronúnciase extenso’ (2019), colabora tamén en diversas obras colectivas.
O galardón, que implica a publicación do libro na colección ‘Arte de trobar’ e unha dotación económica de 6.000 euros, comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo ou Miguel Sande, gañador da anterior convocatoria.