A escritora viguesa Ledicia Costas recibiu este sábado o Premio Laxeiro 2020, da man de Abel Caballero na tradicional comida anual de homenaxe a Laxeiro.
No acto de entrega, o secretario xeral do Padroado, Carlos García Suárez Otero, leu a acta na que se recolle o acordo de outorgar o Premio Laxeiro deste ano á escritora, como recoñecemento á súa inestimable achega á renovación xeracional das letras, así como á difusión e internacionalización da cultura galega entre as novas xeracións, e fixo logo un percorrido pola brillante carreira de Ledicia Costas, salientando a difusión da súa literatura noutras linguas.
Seguidamente, Abel Caballero fixo entrega do galardón que Ledicia Costas agradeceu, polo que ten de recoñecemento a un traballo en soidade, como é o da escrita, e sinalou que para ela é unha honra que unha institución tan prestixiosa coma a Fundación Laxeiro, valore a súa contribución ás letras galegas.
Pechou o acto Abel Caballero, presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, quen quixo destacar a boa saúde da cultura e a creación na cidade olívica, da que Ledicia Costas é un bo exemplo. Tivo palabras tamén para a Fundación Laxeiro, felicitándoa polo labor que desenvolve dende hai xa vinte anos, no eido cultural e artístico, mantendo viva a figura e a obra de Laxeiro e mesmo, descubrindo constantemente novas facetas do artista.
Á comida, celebrada no Hotel NH de Vigo, asistiron, como é habitual, outros membros da Fundación Laxeiro, como Mari Cruz Otero, vicepresidenta e filla o pintor; Abel Losada, concelleiro de cultura; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro; os pintores Antón Pulido e José María Barreiro, Ana Laura Iglesias, deputada provincial e Cayetano Rodríguez Escudero.
Entre o nutrido grupo de comensais, atopábanse Corina Porro, delegada da Xunta en Vigo; Teresa Egerique, deputada do Partido Popular; Miguel Fernández Cid, director do Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), e artistas como Din Matamoro, Elena Fernández Prada, Ignacio Pérez Jofre, Bosco Caride, Xavier Magalhaes, e escritoras como An Alfaya e María Infantes.