Ata o de agora, máis de 2.500 escolares visitaron a mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, e que exhibe por primeira vez ante o público galego o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas coa notación musical.
Cando está a piques de cumprirse un mes da apertura da exposición, que o Museo do Mar de Galicia acollerá ata o vindeiro 8 de marzo, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, aproveitou a oportunidade para desprazarse ata Alcabre e saudar aos alumnos do IES Valadares que este xoves visitaban a exposición. A súa chegada puido comprobar, cos datos que lle facilitou o director do museo, Vicente Caramés, a boa acollida que está a ter entre o público en xeral.
Precisamente e en resposta ao grande interese que a mostra esperta entre a cidadanía, a Consellería de Cultura e Educación está a poñer en marcha unha serie de actividades relacionadas coa presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, para facilitar o coñecemento deste manuscrito. Entre elas, a celebración de dous obradoiros, un dirixido a escolares e outro a adultos, máis un concurso de tapas que acollerán varios concellos da ría de Vigo.
A música no tempo de Martín Códax
Cómpre destacar que tras a celebración o pasado sábado en Vigo do primeiro dos obradoiros, baixo o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax, a segunda destas citas, que se terán lugar durante todo o mes de novembro, será en Redondela, na illa de San Simón. O barco sae do porto de Cesantes ás 17.00 h. e haberá unha ruta guiada pola illa antes do obradoiro, que comeza ás 18.30 h.
O sábado 18, a cita é na Casa da Navegación de Baiona, ás 18.00 h. e o sábado 25 será a sala de Exposicións do Auditorio de Cangas a que acolla esta actividade, ás 19.00 h. O obradoiro é de balde, pero é preciso inscribirse. Máis información en esta web.
As cociñas do Pergamiño Vindel
Baixo o título As cociñas do Pergamiño Vindel, a Secretaría Xeral de Cultura convoca varios concursos de tapas en diferentes localidades da ría de Vigo. A particularidade do certame é que todos os petiscos teñen que estar elaborados con ingredientes que se puideran atopar nas cociñas galegas no medievo.
Así, do 1 ao 10 de decembro serán os establecementos hostaleiros de Redondela e Baiona os que acepten o reto. Os clientes deses locais serán os encargados de xulgar a súa calidade e orixinalidade, ademais dun xurado de expertos que degustará cada unha das tapas a concurso.
Entre o 2 e o 11 de febreiro serán Vigo e Cangas as que acollan o certame, que terá despois unha final provincial para escoller os mellores petiscos de As cociñas do Pergamiño Vindel.
Scriptorium
Os martes e venres, desde o vindeiro día 14 deste mes e ata o venres 15 de decembro, os estudantes do concello de Redondela poderán participar nun obradoiro que lles vai permitir coñecer e recrear o lento e laborioso proceso de escribir e iluminar un pergamiño.
O obradoiro Sriptorium, que se acompaña dunha pequena exposición explicativa, terá lugar no espazo 5 do Multiusos de Redondela, en dúas quedas diarias.