“Esta edición ten en conta testemuñas e documentos nunca manexados previamente; emprega máis información que ningunha outra publicada ata hoxe e o seu volume de anotación e explicación é tamén moi superior, o que permite explicar mellor determinados poemas e versos”, apunta o profesor José Montero, que fai fincapé en que o novo volume incorpora o aparato crítico e a bibliografía máis completos feitos nunca. “Que a RAE nos elixira para facernos cargos desta edición representa para nós un importante recoñecemento que salienta a nosa longa traxectoria académica e investigadora”, engade Montero que, xunto con Romo, leva máis de vinte anos estudando en detalle a obra de Cervantes e, sobre todo, a poesía, a parcela da súa obra literaria menos considerada, “cando non desprezada en tempos” , sobre todo se se compara co resto da súa produción narrativa, pero sen a cal a literatura deste autor, quedaría moi minguada.
Máis de 3000 versos que amosan a capacidade poética
O volume presenta dúas partes destacadas da poesía de Miguel de Cervantes: un extenso poema narrativo Viaje del Parnaso, composto por máis de 3000 versos, que engade un texto en prosa (a Adjunta al Parnaso) publicado en 1614, e trinta e cinco poemas máis (impresos e manuscritos) que escribiu por motivos moi diferentes ao longo da súa vida, as chamadas Poesías sueltas.
«Viaje del Parnaso» responde, a xuízo dos autores desta edición, ao impulso creativo do último Cervantes, que quere amosar aos seus contemporáneos a súa capacidade poética: un poema extenso, narrativo, que tamén é sátira literaria e que usa a alegoría. “É unha fantástica recreación dese gran tema europeo que une o mundo das academias cos mitos literarios do Parnaso e a Arcadia”, explica Montero, que, en referencia ás Poesías sueltas, apunta que “contribúen a documentar momentos específicos da vida de Cervantes e son testemuñas das súas admiracións e complicidades, o seu paso por diferentes lugares e circunstancias; pero, sobre todo, son indicativas da evolución poética do autor”.
Vinte anos de mergullo na “parte menos considerada”
Este traballo ten como punto de partida as diferentes publicacións que sobre a poesía de Cervantes veñen ofrecendo os profesores Fernando Romo e José Montero desde principios dos anos noventa, traballos aos que se sumaron os emprendidos pola investigadora Macarena Cuiñas na súa dobre vertente de cervantista e reputada especialista na poesía dos séculos XVI e XVII.
A intención da RAE é publicar unha edición das obras completas de Cervantes na súa colección Biblioteca Clásica e, nestes intres, xa apareceron todas as súas obras excepto a derradeira, Los trabajos de Persiles e Sigismunda, que será publicada o ano que vén. “O director da colección, o académico Francisco Rico, procurou contar cos mellores especialistas en cada unha das obras de Cervantes para encargarlles as edicións. Esta é a razón pola que quixo contar connosco que, en efecto, levamos máis de vinte anos traballando neste campo”, explica Montero Reguera, que recalca que “a bibliografía que inclúe o volume é ben reveladora”, ao que engade que Cervantes foi un magnífico poeta do seu tempo que, non obstante, atopou a súa voz máis persoal noutros campos da literatura. “Cervantes é El Quijote, en efecto, pero tamén algo máis ca esa novela; e, sen isto –a súa poesía e tamén o seu teatro-, non se podería comprender axustadamente a súa novela máis universal”, recalca o editor.
Texto orixinal: D. Besadío (Duvi)