A Real Academia Galega elixiu novo académico de número o escritor e investigador Anxo Angueira (Dodro, 1961) no pleno ordinario celebrado esta mañá no pazo municipal de María Pita. O profesor da Universidade de Vigo, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, ocupará a vacante producida polo pasamento do poeta Salvador García Bodaño-Zunzunegui o pasado mes de marzo. Na mesma sesión foi nomeado académico de honra Takekazu Asaka (Toquio, 1952), valedor da lingua e da cultura galegas no Xapón.
Anxo Angueira é profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo e centra os seus estudos na xénese e nas características do Rexurdimento. Autor de traballos como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019), conta cunha intensa e dilatada dedicación á obra de Rosalía de Castro, con achegas que permiten unha lectura anovada e respectuosa coa vontade da autora. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou diversos artigos e antoloxías sobre a autora fundacional das letras galegas contemporáneas, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora.
Como investigador e ensaísta, cómpre destacar tamén, entre as achegas sobre distintos autores, os estudos e edicións da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín: Con Pólvora e Magnolias. Guía de lectura (1992); Poesía enteira de Heriberto Bens (1999); A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego (2009).
Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía, ao que lle seguiron os poemarios O valo de Manselle (1996), Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) e Palmeiras, piueiros (2021). Como narrador é autor de Bágoas de facer illas (1997), Premio Café Dublín; Pensa nao (1999), novela gañadora do Premio Xerais na que brilla a lingua popular ao servizo dunha auténtica epopea do pobo galego; A morte de A (2003) e Iria (2012). Cultiva tamén o articulismo, na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario.
Anxo Angueira compaxina a súa faceta literaria e investigadora cun intenso labor como activista cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.
Takekazu Asaka
Tradutor de clásicos das letras galegas ao xaponés e profesor de lingua e literatura galegas no seu país, Takekazu Asaka leva máis de tres décadas exercendo de embaixador da cultura galega no Xapón, un labor polo que xa fora elixido membro correspondente da RAG en 2017. No pleno de hoxe, a institución decidiu nomealo membro de honra, un recoñecemento que lles outorga a aquelas persoas que lles prestan valiosos servizos a Galicia nos ámbitos dos que a Academia se ocupa.
Takekazu Asaka é doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansa Gaidai (Osaka), foi profesor de castelán na Universidade Tsudajuku de Toquio dende 1987 ata a súa xubilación en 2022 e impartiu clases de lingua, gramática e literatura galegas entre 2005 e 2022 en varias universidades xaponesas e mais no Instituto Cervantes de Toquio. As súas primeiras achegas para a aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse á primeira metade dos anos 90, cando publicou a Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para o público nipón, actualizada na Nova gramática galega (2016). É tamén autor da Guía de conversación en galego (1994), igualmente a primeira para falantes xaponeses, e o Vocabulario básico da lingua galega (1996), onde cada termo se acompaña da equivalencia e castelán e xaponés. Como lingüista, logo de diversos traballos gramaticais e léxicos, estudou ademais a situación do galego en Galicia e no Eo-Navia.
No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno os seis poemas galegos de Lorca (1993), Cantares gallegos (2009) e Follas novas (2018) de Rosalía de Castro ou Os eidos de Uxío Novoneyra (2917). En 2013 editou a Cantata a Ramón Cabanillas, un estudo sobre a vida e a obra do vate cambadés e unha escolma poética galego-xaponesa, e posteriormente traduciu o seu poemario A rosa de cen follas (2019). Tamén lle prestou atención á lírica galega medieval: no ano 2015 publicou Xograr Martín Codax e acaba de editar no Xapón o libro-cedé Convite para as Cantigas de Santa María (2023).
Alén do eido literario e lingüístico, Takekazu Asaka é autor d’Os 50 capítulos para coñecer Galicia (2010), unha especie de guía en xaponés sobre a situación sociocultural galega; e dende o ano 2009 organiza en Toquio e as cidades próximas, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de música e poesía galega con actuacións de artistas locais e conferencias que el mesmo imparte sobre a cultura de noso.
As contribucións do profesor Asaka á proxección exterior da cultura galega foron recoñecidas co XVI Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño 2019 e o seu nomeamento como Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira.